Aprender xogando resulta unha metodoloxía efectiva de aprendizaxe. Sábese que as redes neuronais da aprendizaxe actívanse cando a persoa está contenta e tranquila, e pola contra, a tensión e o medo bloquean esa rede neuronal, impedindo a aprendizaxe. O xogo serve para fortalecer certos valores como a lealdade, fidelidade, cooperación, solidariedade, respecto polos demais e polas súas ideas, tolerancia, seguridade, concentración, a reflexión, a procura de alternativas aos problemas, a iniciativa, a imaxinación, o sentido común, e todos estes valores facilitan a incorporación á vida cidadá. Por ese motivo o xogo proporciona unha ferramenta fundamental e predispón a aprender no seu máis amplo sentido.
Xogando non só se poden aprender os contidos curriculares, senón tamén outros aspectos como aprender dos erros, perfeccionalos e adquirir habilidades de superación e conseguir os seus propósitos. O xogo non só ten unha función lúdica, senón que é tamén unha actividade mental esencial favorecedora do desenvolvemento integral das persoas e un modo de expresión. Xogar é crear, explorar, descubrir, experimentar. O xogo ten unhas fortes implicacións sobre un trazo innato no ser humano que resulta imprescindible, a creatividade. As capacidades motoras é outro dos aspectos que se ven favorecidos a través do xogo, pero os beneficios son máis aínda: a creación de vínculos afectivos e a aprendizaxe de hábitos, actitudes e comportamentos vese fortalecido ao compartir espazos e vivencias cos demais.
Así pois, fabricar un xogo ou xoguete pode resultar parecido a estar xogando, é unha maneira divertida e creativa de aprender. Con esta ABP preténdese impulsar a combinación de xogo e formación como actividade, xa que gracias ao carácter lúdico que ten a creación de xogos, desenvolveremos capacidades e coñecementos de forma sinxela, e sacaremolo noso proxecto adiante.
Por medio da gamificación lograremos afianzar moitos dos coñecemento adquiridos duranteo curso.
Crearase un ambiente estruturado onde o alumno aprenderá certos procedementos para o progreso, tendo a oportunidade de practicar mediante o ensaio e a experimentación, ás veces coa colaboración dos demais, e noutras ocasións de maneira individual.