
Como recompensa polo esforzo realizado ó longo do curso imos facer unha visita de varias xornadas para coñecer o Parque Natural do Invernadeiro, un dos espazos natural protexidos máis espectacular e descoñecido de Galicia. No invernadeiro poderemos descubrir como son e como funcionan os ecosistemas. Ó amencer escoitaremos as impresionantes chamadas dos venados...
Describiremos os elementos físicos e biolóxicos que compoñen os ecosistemas.
Comprenderemos o funcionamento dos ecosistemas analizando as relacións que se establecen entre os diferentes seres vivos e o medio.

Estudaremos algúns exemplos de adaptacións dos seres vivos ó medio no que viven.
Os ecosistemas son entidades que están a cambiar e ó mesmo tempo procuran acadar un equilibrio. Neste apartado veremos exemplos dos procesos de autorregulación dos ecosistemas e tamén exemplos dos principais ecosistemas galegos.

Investigaremos situacións habituais, por desgraza, que degradan os ecosistemas, facendo que desaparezan especies e se alteren gravemente procesos ecolóxicos.
O comportamento ecolóxico dos cidadáns é fundamental na protección da natureza. Repasaremos unha lista de hábitos favorables e de espazos naturais protexidos.
Os ecosistemas son unidades do medio natural formadas por un medio físico ou biotopo no que vive un conxunto de seres vivos adaptados a dito medio, denominado comunidade.
A comunidade biolóxica tamén interactúa e modifica o biotopo. A súa vez o biotopo determina o tipo de seres vivos desa comunidade. Ou sexa, establécense entre eles numerosas relacións ecolóxicas.