Nos seguintes exercicios imos estudar o emprego da música clásica nas películas de época:
A música de G. F. Händel e F. Schubert en Barry Lyndon (1975) e n´O mestre de música (1988)
FOTO: "O baile", cadro de William Hogarth (1697–1764), que ilustra o tipo de escenas interiores de época que o director Stanley Kubrick tratou de plasmar no seu filme Barry Lyndon.
O cine de época é un xénero cinematográfico caracterizado pola ambientación nunha época histórica determinada, tanto na escenografía como no vestiario e mesmo na banda sonora, na que moitas veces soa música clásica desa época. Así ocorre por exemplo na escena do duelo en "Barry Lyndon", unha das mellores películas deste xénero. Podes ver esta escena pulsando abaixo o botón "VER VÍDEO" coa VENTÁ MINIMIZADA.
Se na anterior escena do duelo do filme "Barry Lyndon" a Sarabande de Händel podería ser unha obra interpretada na época na que transcorre o filme, noutra das escenas do filme onde os protagonistas están a xogar ás cartas soa un fragmento do segundo movemento do Trío nº 2 D. 929 composto por Franz Schubert en 1827, é dicir, medio século despois da época na que transcorre o filme. Isto podería considerarse un anacronismo nunha película de época. Podes ver esta escena pulsando abaixo o botón "VER VÍDEO" coa VENTÁ MINIMIZADA.
Outro exemplo da utilización da música de Franz Schubert na banda sonora das películas de época, é a dunha escena do filme "O mestre de música" (1988) que podes vela pulsando abaixo o botón "VER VÍDEO" coa VENTÁ MINIMIZADA. Este filme narra unha historia ambientada a comezos do século XX, cando un famoso cantante, Joachim Dallayrac, anuncia que vai poñer fin á súa carreira lírica e decide dedicarse a ensinar a dous mozos, Sophie e Jean. Un rival de Dallayrac, o príncipe Scotti, organiza unha competición lírica coa intención de vingarse, mais Sophie e Jean finalmente gañan.
Na escena da competición lírica do filme "O mestre de música", Sophie e Jean cantan "Sempre libera" da ópera "La traviata" de G. Verdi. Podes vela pulsando abaixo o botón "VER VÍDEO" coa VENTÁ MINIMIZADA.