1
OS DEPORTES DE ADVERSARIO
Unidade 4

UNIDADE 4

DEPORTES DE
ADVERSARIO

Os deportes de adversario poden ser definidos como aqueles nos que non existe relación directa con compañeiros, pero si existe relación de oposición con contrarios, é dicir, hai algún rival competindo simultáneamente que tenta conseguir o resultado contrario durante as accións de xogo.
Este tipo de deportes, entón, caracterízanse por levarse a cabo sen compañeiros que axuden pero si con rivais que tentan impedir o desenvolvemento das accións.
Atendendo polo tanto a estes dous factores, podemos entender que este tipo de deportes teñen a dificultade permanente de ter que controlar as accións do contrario ao tempo que tentamos realizar as nosas ao mellor nivel para superalo. Esto é o que fai deles unha excelente ferramenta educativa pois permite mellorar a nosa capacidade de esforzo, concentración, e superación de adversidades. Tamén incide na capacidade de adaptación e mellora da tolerancia, a frustración e a asimilación das regras.

Dentro deste grupo de deportes podemos incluír moitas modalidades diferentes, pero cunha serie de características básicas en común. Ao longo do tema iremos vendo como clasificalas e cales son as diferencias entre elas, tendo presente tamen que, por ser deportes de adversario, todos eles terán unha serie de aspectos comúns.

OBXECTIVOS DA UNIDADE

Ao final do tema serás quen de:

  • Coñecer as características básicas dos deportes de adversario.

  • Recoñecer os diferentes tipos de deportes de adversario.

  • Identificar os valores persoais que se melloran mediante o traballo dos deportes de adversario.

  • Experimentar actividades con características similares a diferentes deportes de adversario.

  • Practicar habilidades específicas de diferentes tipos de deportes de adversario.

  • Mellorar as calidades motrices mediante habilidades propias de deportes de adversario.
  • Acertaches todo? Xenial... pero se non foi así, non te preocupes, isto só era unha avaliación inicial, para coñecer cales son os teus coñecementos previos sobre o tema.
    Unha vez que comecemos a unidade, verás que existen unha chea de deportes de adversario, que son totalmente diferentes entre si, pero cunhas características comúns, que fan que poidan ser englobados neste mesmo grupo.
    Son os denominados deportes de adversario, nos que o elemento máis importante a sinalar é o gran nivel de respecto, tolerancia e autocontrol que se acadan mediante a súa práctica.
    Aprenderemos algunhas cousas deles, practicarémolos e teremos a oportunidade de sentir a nosa evolución persoal neses conceptos sinalados, o noutros moitos, a medida que avanzamos no tema.
    Así que xa sabes, prepárate que arrancamos.

    • Oposición


      Oposición

      É o elemento principal destes deportes e sen el non poderían levarse a cabo, polo que é preciso entender que no fondo, o rival "colabora" con nós para poder practicar a actividade. O exemplo da foto é boxeo.






    • Non colaboración


      Non colaboración

      No momento do enfrontamento só participan dúas persoas: unha contra a outra. Toda a acción de xogo xira en torno a iso, non hai ningún tipo de axuda por parte de terceiras persoas. Acontece o mesmo que nos individuais, pero aquí os intereses son opostos. O exemplo da foto é Judo




    • Concentración


      Concentración

      Debido a que o rival está en todo momento tentando estragar as nosas accións, e tentando crear unhas novas, debemos entender que non podemos deixar de centrar a nosa atención en ningún intre. O exemplo da foto é bádminton.


    • Improvisación


      Improvisación

      Por moi ben que adestremos un deporte de adversario, nunca estaremos preparados se non temos capacidade para sorprender, adaptarnos e crear situacións espontáneas en base ás propias accións do rival. O exemplo da foto é taekwondo.


    Como dixemos anteriormente, é o elemento que caracteriza estes deportes, polo que toda a acción de xogo xirará arredor. Non é posible un deporte de adversario sen adversario, e por iso é fundamental entender que a nosa intervención non depende só de nós, como acontecía nos individuais, se non que as intencións, movementos e accións do contrario deben ser tidas en conta para darlles resposta de xeito rápido e eficaz, e así poder dominar os lances do xogo. É por iso polo que para mellorar nun deporte de adversario precisamos practicar con rivais que estean ao noso nivel ou superior, porque así estamos obrigados ao esforzo máximo, e aprenderemos máis cousas e máis rápido. Desta peculiaridade nace tamén o respecto ao rival e a tolerancia nos accións tan característica deste tipo de deportes, pois os practicantes entenden que de non ser así, o xogo non podería levarse a cabo. O exemplo da foto é Judo.

    Acontece o mesmo que nos deportes individuais: non hai ningún tipo de axuda externa durante o transcurso do xogo, estamos sós ante o rival. Toda a interacción que teremos será con outra persoa que está, precisamente, tentando estragar as nosas intervencións, xa que será o xeito que teña de gañar.
    Esto acontece incluso nas modalidades nas que participan por parellas, pois entre eles non van poder realizar ningún tipo de interacción motriz (pases) polo que cada vez que teñamos que levar a cabo a acción é como se estivesemos sós ante os rivais.
    É por iso polo que non podemos depender de ninguén, debemos ser autosuficientes, e este factor é o que vai facer que os practicantes destes deportes melloren a autoconfianza, a seguridade, a iniciativa e moitos outros valores imprescindibles para o desenvolvemento da persoa. O exemplo da foto é pelota vasca con pa.




    Neste tipo de deportes é moi importante este elemento, pois o rival estará estudando os nosos movementos agardando un sinal de debilidade ou un fallo para aproveitarse del, polo que deberemos permanecer alerta en todo momento, sobre todo cando o marcador sexa adverso, pois é nese intre no que algúns perden os nervos e deixan de confiar en sí mesmos.


    Outros, pola contra, posúen unha mentalidade gañadora que fai que aínda nas situacións máis complicadas manteñan esa concentración e confianza que permite, por unha banda rendir ao máximo nivel, e pola outra, abater ao rival. O exemplo da foto é Rafa Nadal, tenis.

    É a capacidade que temos para aplicar solucións prácticas, rápidas e útiles nas diversas situacións cambiantes que se nos van presentando, amosando creatividade, entendemento, interpretación e versatilidade.
    Isto quere dicir que as persoas que gozan desta capacidade para improvisar, son moi boas lendo os acontecementos, observando o que sucede e por que sucede e, en base a iso, son excelentes respondendo do xeito máis oportuno a cada unha desas situacións.
    Nun deporte no que non dependemos só das nosas habilidades, se non tamén do que faga o noso rival, resulta esencial esta capacidade. O exemplo da foto é kendo.

    Este vídeo é unha pequena introdución a este tipo de actividades, no que se fai alusión á súa orixe e importancia evolutiva.

    O Judo é, probablemente, o deporte de loita máis coñecido en todo o mundo, debido a que é unha disciplina olímpica e á gran variedade de accións e situacións que permite , mais non é o único...

    • Loita


      Deportes de loita

      Estarían dentro do grupo de deportes nos que o branco é humano, é dicir, o obxectivo da actividade é dominar o corpo do rival mediante os agarres. O exemplo da foto é a loita libre.


    • Contacto


      Deportes de contacto

      Tamén estarían dentro do grupo de deportes de branco humano, pero neste caso a puntuación obtense mediante impactos no corpo do adversario. O exemplo da foto é o kickboxing.




    • Contacto-utensilio


      Deportes de contacto con material

      Son iguais que os do grupo anterior, coa diferencia de que para levar a cabo a acción de xogo emprégase un aparello, é dicir, un instrumento. O exemplo da foto é o pau canario.




    • Utensilio e móbil


      Deportes de implemento e móbil

      Pertencen ao grupo de deportes de branco material, pois o obxectivo é puntuar cun obxecto móbil no terreo do adversario. O exemplo da foto é o tenis de mesa.


    DEPORTES NOS QUE O BRANCO É OUTRA PERSOA
    Son aqueles nos que o éxito da nosa intervención ven determinado por conseguir realizar accións sobre o rival, que se convirte deste xeito no noso obxectivo. Un aspecto interesante deste tipo de actividades é a distancia na que se colocan os adversarios no momento do enfrontamento, e que depende do tipo de accións que están permitidas nese deporte. Deste xeito poderemos observar deportes nos que a distancia de enfrontamento é nula (loitas), outros nos que a distancia estará entre 0 e 1 metros (deportes de contacto) e finalmente outros nos que a distancia está entre 1 e 3 metros (deportes de contacto con material)
    O exemplo da foto é Judo.

    Deportes de loita:
    Son deportes baseados en agarrar. Dentro deste grupo atópanse deportes como o Judo, a loita libre, a loita grecorromana, o sumo, e todo tipo de loitas de tipo tradicional. Xeralmente o obxectivo consiste en conseguir desprazar, derrubar, controlar, virar ou inmobilizar ao contrincante. Así pois todos estes deportes caracterízanse por unha gran necesidade de equilibrio, velocidade xestual, coordinación, e por utilizar pouco espazo, xa que os xogadores están en contacto case permanentemente.
    O exemplo da foto é sumo.

    Deportes de contacto

    Están baseados en accións de tocar ou golpear, para ir sumando puntos que determinarán o vencedor. Poden diferenciarse en:

    1- Deportes sen material, que son aqueles nos que non empregamos ningún tipo de aparello para levar a cabo os golpeos. O único que que se pode utilizar nalgúns destes deportes, para evitar lesións ou traumatismos importantes, son proteccións como luvas, casco, petos, protectores de pernas e brazos etc.

    Algúns exemplos destes deportes poden ser o boxeo, o taekwondo, ou o kárate,...Todos eles caracterízanse por depender enormemente do sentido da vista, a velocidade de reacción, e a táctica nas accións. Segundo o deporte, a parte do corpo que se emprega para golpear e aquela na que está permitido tocar é diferente. No taekwondo, por exemplo, só se pode golpear cos puños no chaleco protector, e cos pés no chaleco e a cabeza.

    Deportes de contacto

    Están baseados en accións de tocar ou golpear, para ir sumando puntos que determinarán o vencedor. Poden diferenciarse en:

    2- Deportes que utilizan material, son aqueles nos que para levar a cabo as accións de tocar precisamos dun aparello específico que deberá impactar no corpo de rival para acadar puntos.
    Este utensilio condicionará a distancia á que se sitúen os adversarios, que será claramente superior a dos deportes onde non levan nada.

    Exemplos deste tipo de deportes poderían ser a esgrima, a loita de paus, o kendo,... Segundo o deporte, que esteamos realizando, cambian tanto a parte do corpo á que se pode atacar como a parte do arma que se pode empregar, así na esgrima, por exemplo, hai tres tipos de armas (florete, sabre e espada), e as zonas nas que podemos tocar e incluso as accións que podemos realizar son diferentes en todos os casos.

    DEPORTES NOS QUE O BRANCO É MATERIAL
    Caracterízanse por empregar elementos lixeiros, xeralmente pelotas, para levar a cabo a acción de xogo, que consistirá en golpear ese material con algún tipo de aparello tentando evitar que o rival poida devolvelo de xeito controlado. Debido a iso, en xeral, aumenta a distancia do enfrontamento, ao non ter que contactar co rival en ningún momento, e será o tipo de utensilio e de material o que determine as accións que se poden levar a cabo. Na foto vemos unha raqueta e unha pelota de tenis.

    Deportes de utensilio e móbil

    Pódense clasificar de dúas formas:

  • Polo utensilio: Existen deportes como o bádminton, o tenis, o ping-pong nos que se empregan un aparello (a raqueta ou pa); e deportes nos que non se empregan nada, como na especialidade de man na pelota vasca,...

  • Polo terreo de xogo: Existen deportes nos que o terreo de xogo está separado por unha rede (tenis, bádminton,..) polo que os contrincantes non comparten espazo e se sitúan de xeito enfrontado, e deportes nos que os contrincantes xogan nun mesmo terreo compartido, colocándose ambos de cara a unha parede (Squash, frontón,...)
  • Deportes de utensilio e móbil (II)

    En todos eles existen unha serie de golpeos característicos:

  • Segundo a intención do golpe, están os golpes defensivos, que buscan gañar tempo para situarse ben no campo ou simplemente devolver a pelota en situación de desvantaxe; e golpes ofensivos que, directamente, buscan marcar punto e por iso son máis fortes e máis colocados.

  • Segundo o movemento do aparello están os golpes chamados “de dereita” que se realizan de forma natural, independentemente da man, e os golpes “de revés” que se realizan cruzando a man por diante do corpo e golpeando coa outra cara da raqueta.

  • Tamén podemos sinalar que na maioría destas actividades existen modalidades de parella pero, na nosa clasificación, non poden ser consideradas como deportes colectivos, pois entre os membros do equipo non hai interacción directa, é dicir, non poden pasarse a pelota. O exemplo da foto é bádminton.

    A capoeira é unha actividade que, pese a non ser puramente un deporte, posúe características dos deportes de adversario de contacto, sendo ademáis un gran exemplo de multidisciplinariedade e cultura. Porén, hai moitos outros tipos de deportes de contacto interesantes. Queres saber máis sobre eles? Atento ao vídeo.

    Os deportes de adversario de branco material son aqueles nos que o xogo non centra o obxectivo no corpo do adversario, se non nas accións realizadas cun obxecto que se move que normalmente é unha pelota. Para golpeala usan un utensilio chamado raqueta, mais non sempre é así.
    A pelota vasca é un deporte tradicional que resulta un bo exemplo aínda que, curiosamente, a modalidade máis popular non emprega ningún tipo de utensilio para o xogo.

    Tal vez nunca te plantexaras que tiñan en común deportes como a loita ou o tenis, quizais incluso pensabas que non tiñan nada que ver, e incluso asociabas máis ao tenis co fútbol por xogarse cunha pelota, mais agora que xa coñeces os tipos de deportes de adversario e as características que os definen, seguro que xa non terás dúbidas cando teñas que falar sobre eles.

    O máis importante é lembrar que o que os define é a presencia dun rival e a ausencia de compañeiros, o que fai que a totalidade da responsabilidade recaia sobre nós, a nosa capacidade, a nosa adaptación, anticipación e procura de solucións ante os problemas que nos vaia plantexando.

    É por iso polo que estes deportes resultan moi educativos e axeitados para idades infantís, pois melloran a capacidade de esforzo, a concentración e a espontaneidade e aumentan a tolerancia ante os fracasos, a frustración, etc. ao tempo que establecen altos graos de respecto, educación e civismo, aspectos fundamentais na formación persoal de calquera individuo.

    É curioso observar como nestes deportes onde, mentras dura o xogo, os adversarios compiten ferozmente contra o rival, no momento que finaliza a práctica, aceptan educadamente o resultado e saudan e felicitan ao rival, que se convirte nun compañeiro de experiencia gracias ao cal esa actividade puido levarse a cabo.

    Eses vínculos afectivos fan destes deportes algo inigualable así que, se tes ocasión, non o dubides, anímate e practícaos.

    Traballo de investigación

    Agora que xa coñeces o que son os deportes de adversario, é o momento de que investigues un pouco sobre o tema, para coñecer cales son as modalidades que poderías practicar na túa vila.
    O traballo que propoñemos a continuación é importante para a avaliación, polo que segue as pautas marcadas e trata de completar todos os apartados con responsabilidade e amosando a túa capacidade de razoar e relacionar os conceptos que aprendiches ao longo desta unidade.

  • Elabora un listado de deportes e actividades non competitivas de adversario que se practican na túa vila.
  • Explica en que consiste cada unha desas actividades, para poder entender cal é esa oferta deportiva que tes.
  • Escolle un ou dous deses deportes e xustifícao en base aos teus gustos, afeccións, intereses, motivacións,…
  • Agora imaxina que comezas a practicalos. Argumenta cales son os beneficios que poderían aportarche, tanto no aspecto físico como no educativo e emocional.
  • Recorda que debes amosar a túa capacidade investigadora pero, sobre todo, a de relacionar os conceptos aprendidos coa realidade na que vives, así que ánimo, amósanos a túa capacidade de adaptación e prepara un bó traballo.


    CRÉDITOS TEMA 4: INICIACIÓN AOS DEPORTES DE ADVERSARIO