
Unidade 1
Xeneralidades sobre Educación Física
"A Educación Física: esa gran descoñecida"
Levas cursando esta materia dende a infancia pero, realmente sabes en que consiste?
Para que serve o que facemos na clase? Buscamos mellorar fisicamente? Buscamos dominar un deporte? Debemos traballar só o que non dominamos? Debemos preocuparnos só de divertirnos?
Estas e outras preguntas poden xurdir sobre o tema, por iso nesta unidade imos tentar darlles resposta.
Comezaremos cunha introdución aos conceptos e contidos máis básicos que debemos dominar nesta asignatura, veremos como organizalos para este curso e sentaremos as bases para a estrutura dos cursos superiores.
Un problema que temos é que, na maioría das ocasións, non somos quen de identificar axeitadamente os contidos da materia, así que antes de aprender e profundizar neles, imos avaliar os nosos conceptos previos sobre o tema porque, canto sabemos realmente sobre a educación física?


Ao finalizar o tema, serás quen de:
1. Coñecer cales son os obxectivos que persegue a educación física.
2. Identificar os bloques de contidos que se traballan na materia
3. Recoñecer de xeito elemental os diferentes tipos de deportes
4. Localizar e relacionar os elementos dos diferentes sistemas do corpo humano
5. Entender a importancia de ter uns hábitos de vida saudables
6. Deseñar e realizar unha rutina básica de quecemento previa á actividade física
7. Comprender a importancia dunha alimentación sá e equilibrada
8. Saber o procedemento de actuación ante unha situación de emerxencia
9. Distinguir os diferentes tipo de habilidades e os elementos que as compoñen


Probablemente non acadaches a máxima puntuación porque cometiches algún erro ou, como mínimo, dubidaches moito nalgunha das respostas.
Se é así non te preocupes, ao finalizar a unidade xa verás como podes resolver estas cuestións e moitas outras con total seguridade.
O único que debes facer e prestar atención nas clases e realizar todas as actividades que aparecen neste libro dixital. Así que prepárate que arrancamos!

Existen multitude de deportes e centos de formas de agrupalos para estudalos atendendo a diferentes criterios. Nós imos ver unha clasificación moi básica na que podamos englobar a case todos os deportes empregando simplemente dúas variables: a existencia de compañeiros e de adversarios.
