3.- Suevos e visigodos.
A principios dos anos 400 a península Ibérica foi invadida por catro pobos xermánicos: os suevos, vándalos, alanos e visigodos. Destes catro pobos so os suevos e os visigodos crearon reinos. Os suevos estableceron a súa capital en Braga (cidade no norte de Portugal) mentres que os visigodos o facían na actual Toledo. No norte, tras a desaparición do imperio romano, cántabros e vascóns non formaron ningún reino e resistiron a suevos e visigodos.
Os visigodos mantiveron as cinco provincias dos romanos e foron conquistando toda a península Ibérica. Un dos seus reis, Leovixildo, conquistou o reino suevo e pacificou a cántabros e vascóns. No seu afán de unificar o reino de Toledo elaboraron leis comúns para visigodos e hispanoromanos e adoptaron o catolicismo; pero houbo frecuentes guerras civís debidas a que os reis non pertencían a una determinada familia senón que eran elixidos. Estas guerras fixeron que as antigas cidades fundadas polo romanos se foran despoboando aumentando a importancia do medio rural e as súas principais actividades, a gandería e a agricultura. Cultivaban principalmente cereais, vide, hortaliza e leguminosas e introduciron as espinacas e as alcachofas.