Afonso X - O sabio.


Afonso X, rei de Castela e León, naceu en Toledo no ano 1221 e morreu 63 anos despois en Sevilla. Aprendeu a nosa lingua durante a súa infancia que a pasou na fortaleza de Maceda. Aínda que participou en varios enfrontamentos militares hoxe é lembrado como un rei que potenciou a cultura, de aí o seu sobrenome de “O Sabio”.

No seu reinado convivían baixo o seu dominio cristiáns de diferentes linguas, unha minoría xudía e unha poboación musulmana; polo que o latín que impuxeran os romanos xa non era válido como idioma común e o monarca deulle un pulo decisivo ao castelán. Creou a Escola de Tradutores de Toledo. Organizou a grupos de eruditos e escribas, xudeus, mouros e cristiáns, que prepararon edicións e traducións de obras importantes baixo a dirección persoal do monarca. Varias delas tamén traducidas ao galego.

Se ben as obras de carácter científico ou histórico eran en castelán o galego tomou forza nas súas composicións líricas. Cantigas de amor, escarnio, e especialmente as súas Cantigas de Santa María, que constitúen o cumio do galego escrito medieval.

As Cantigas de Santa María están referidas aos milagres da Virxe María en distintos santuarios europeos, loanzas á Virxe e conmemoracións de festas marianas e festas de Noso Señor. Este conxunto conta cun prólogo e un epílogo escritos en verso polo propio Afonso X. As Cantigas de Santa María constitúen a xoia máis preciada da literatura galego-portuguesa.