
No ano 1346 o imperio Mongol, que ía dende a actual Ucraína ata case as fronteiras de China, tiña unha rivalidade cunha cidade da súa fronteira occidental, a cidade de Caffa, hoxe chamada Feodosia, situada na península de Crimea a carón do Mar Negro. Esta cidade era un porto comercial, colonia dos xenoveses, dende o que había un importante comercio, entre eles o comercio de escravos.
Jani Beg, xefe dos mongois, xa intentara sitiar á cidade no 1343 pero os reforzos xenoveses fixeron que desistira ata volvelo intentar tres anos despois para intentar asegurarse o control deste produtivo e lucrativo porto.
Estando as tropas mongois en pleno sitio ante as murallas de Caffa empezaron a sufrir baixas debido a unha epidemia da peste bubónica. Os mongois, en vez de enterrar aos
soldados mortos pola peste, decidiron por os mortos nas catapultas e lanzalos dentro do interior da cidade co que se quitaban de enriba un cadáver a vez que inoculaban a peste aos habitantes de Caffa.
Os xenoveses, ao ver isto, reaccionaron botando os corpos ao mar, pero non foi suficiente e acabaron por contaxiarse e empezou a producir baixas entre os sitiados. Neste momento a peste tamén estaba facendo estragos entre as tropas asediadoras polo que Jani Beg non tivo máis remedio que levantar o asedio e retirarse.
Os xenoveses sobreviventes ao asedio colleron os seus barcos e fuxiron da cidade levando consigo a peste; primeiro parando en Constantinopla capital do Imperio Bizantino e logo a Sicilia e Xénova. A peste empezou a estenderse por
toda Europa reducindo a poboación europea a case a metade; estímase que supuxo a morte duns 25 millóns de persoas. A rapidez da súa propagación e as súas terribles consecuencias asombraron a todas as clases sociais.
No século XIV a desnutrición que había na Península favoreceu aínda máis a súa expansión ao atoparse a peste con corpos escuálidos e coas defensas moi baixas. A alimentación da maioría do pobo tiña como base o pan, a cebada, lentellas e un pouco de touciño quedando a carne reservada para as clases con máis recursos como o clero, a nobreza e os comerciantes ricos. Unha mala colleita, como ocorreu nos anos anteriores á peste, levaba xa a poboación á fame e á morte.
Os primeiros infectados apareceron no Reino de Mallorca
debido, probablemente, ao seu contacto cos comerciantes italianos e xenoveses.
A peste negra é producida pola Yersina Pestis, unha bacteria que se atopa nas pulgas das ratas. Ao picar estas pulgas ás persoas ou se tiña algunha ferida feita con obxectos contaminados a persoa empezaba a ter febre, dores de cabeza, náuseas, calafríos, cuspía sangue, tiña manchas vermellas e negras, isto foi o que deu nome á peste, e aparecía a inflamación dos ganglios linfáticos da virilla e as axilas, a estas inflamacións coñéceselle co nome de bubóns de aí que este tipo de enfermidade sexa coñecida tamén co nome de peste bubónica.
Ante a necesidade de atopar un culpable buscáronse diversas razóns, xeolóxicas, astrais, castigos divinos,
estranxeiros, peregrinos... incluso chegouse a acusar aos xudeus xa que había menos número de infectados que entre os cristiáns, aínda que isto era debido ás mellores condicións hixiénicas do pobo xudeu.
A medicina, pouco evolucionada naqueles tempos, non puido facer nada e moitos médicos foron infectados ao atender ao paciente. Como se pensaba que a peste se contaxiaba polo aire e que penetraba polos poros da pel os médicos empregaban guantes de coiro, gafas, sombreiro de ala ancha e un enorme abrigo de coiro encerado ata os pés. A todo este equipamento engadíaselle unha vara, para aqueles que se acercaban demasiado, e unha máscara con forma de pico de ave.
A zona do pico da máscara tiña dúas misións, impedir que o
doutor se aproximase ao alento do paciente e a de atenuar os malos cheiros xa que enchía esa zona con plantas aromáticas; completábase cuns ollos de cristal para protexer os propios ollos. Esta máscara tan especial segue a empregarse hoxe, como elemento típico, no carnaval de Venecia.
Como se pensaba que era unha enfermidade que se transmitía polo aire corrompido polo tempo húmido, os corpos non enterrados e os vapores producidos pola falta de hixiene, os médicos recomendaban unha boa dieta, descanso e o marcharse a un lugar non infectado para que o doente tivese acceso a un aire limpo. Estas medidas efectivamente axudaban, pero non polo que os médicos pensaban, se non que por que o enfermo se afastaba dos núcleos de infección. Evidentemente esta medida tamén
axudou a expandir a enfermidade.
Estaba tamén na crenza popular que a peste era transmitida polas aves polo que a forma da máscara facía que os paxaros se apartaran de quen a levaba aínda que a realidade é que as aves son inmunes a este tipo de bacterias.
Tamén se tomou a medida de illar aos enfermos durante un período de corenta días (de aquí ven a palabra corentena) e ata o paso de eses días non entraban en contacto con eles. Aos barcos que chegaban a porto e eran sospeitosos de ter algún enfermo a bordo non se lles permitía tampouco desembarcar ata que pasasen os corenta días.
Xa no século XIX produciuse un novo brote desta epidemia en Asia Oriental. A enfermidade permaneceu localizada no
suroeste de China durante varios anos. O fluxo de auga próximo á cidade de Hong Kong fixo que a enfermidade se propagase de xeito moi rápido morrendo máis de 2400 persoas en tan so dous meses. Da China a praga propagouse á India onde, en trinta anos morrerían 12,5 millóns de persoas por esta peste.
Según a Organización Mundial da Saúde OMS a pandemia foi considerada activa ata 1959, cando as vítimas eran sobre 200 por ano, aínda que no 1994 un novo brote de peste apareceu na India habendo 700 afectados dos que morreron 55 persoas provocando una gran migración da poboación para evitar a peste.
Na actualidade non se pode considerar erradicada aínda que o tratamento con antibióticos como a estreptomicina soen
ser eficaces. Hoxe é unha enfermidade de declaración obrigatoria isto quere dicir que debe de ser notificada ás autoridades sanitarias, os pacientes son illados para evitar a transmisión a outras persoas.
Debido a súa gravidade é fundamental tomar medidas preventivas. Nas zonas propensas á súa aparición débense de examinar os animais domésticos de xeito regular para detectar pulgas. Débese de ter un control de pragas de roedores e ter uns hábitos de hixiene axeitado, así por exemplo, se te atopas con algún animal morto, evita tocalo ou emprega guantes.
Aínda que xa se experimentou algún tipo de vacina, de momento non hai ningunha que sexa eficaz.
Webgrafía (Fecha de consulta 18/02/2019):
Peste bubónica - Wikipedia - https://es.wikipedia.org/wiki/Peste_bub%C3%B3nica
La peste negra – Historia de Iberia Vieja - http://www.historiadeiberiavieja.com/secciones/edad-media/peste-negra
La máscara de la peste, ¿ cuál es su origen? - Efesalud - https://www.efesalud.com/la-mascara-de-la-peste-cual-es-su-origen/