3.- Os sentidos:
Os sentidos son os órganos formados por células especializadas que reciben os estímulos exteriores, de aí que tamén se chamen órganos receptores.
➀ O gusto: este sentido atópase na lingua; na súa superficie temos unhas minúsculas elevacións, nas que se atopan os receptores que detectan os sabores formando as chamadas papilas gustativas. Estas papilas gustativas poden informarnos, ademais do sabor, se un alimento é comestible.
Polas papilas gustativas podemos percibir os catro sabores básicos: salgado, doce, amargo ou ácido. Recentemente foron descubertos na lingua uns receptores gustativos especializados en percibir outro sabor básico, o umami (do xaponés, saboroso), este sabor atópase en produtos curados, como o xamón ou o queixo, no leite materno ou no caldo de galiña.
As papilas gustativas envían sinais polo nervio gustativo ao cerebro onde se produce a sensación do sabor.