5.- O aparello locomotor:
Como xa vimos, cando a resposta ante un estímulo é un movemento, os órganos efectores, é dicir, os que executan a orde dada polo sistema nervioso ante o estímulo recibido son os órganos do aparello locomotor. Este aparello está formado polo esqueleto, os músculos e os elementos que os unen.
➀ O esqueleto: está formado por todos os ósos e as articulacións que son as zonas de unión dos ósos.
Os ósos están formados polo tecido óseo, un tecido duro debido ao calcio que conteñen. Poden ser longos como o úmero ou o fémur (o máis longo do noso corpo), curtos como as vértebras ou planos como as omoplatas.
As articulacións poden agruparse en tres tipos:
Móbiles: teñen unha gran mobilidade como o xeonllo ou o ombro, os ósos están unidos por ligamentos e a unión está cuberto dun tecido que protexe á articulación, a cartilaxe. Para lubricar a unión temos o líquido sinovial.
Semimóbiles: teñen un mobilidade limitada como a unión entre as vértebras.
Fixas: unen ósos pero non permiten movemento algún como nos ósos da cabeza.