1.- As funcións vitais:
As persoas, o mesmo que o resto de seres vivos, realizamos tres funcións imprescindibles para a vida, as funcións de nutrición, reprodución e relación.
➀ A función de nutrición: como os humanos somos heterótrofos debemos de obter os nutrientes doutros seres vivos e o osíxeno do aire. Para realizar esta función interveñen catro aparellos:
Aparello dixestivo: é o encargado de transformar os alimentos en substancias nutritivas. O compoñente principal é o tubo dixestivo formado pola boca, o esófago, estómago e intestinos.
Aparello respiratorio: con el obtemos o osíxeno do exterior e expulsamos o dióxido de carbono formado no noso corpo. Os órganos principais son os pulmóns, traquea e bronquios.
Aparello circulatorio: con el distribúense por todo o corpo os nutrientes obtidos polo aparello dixestivo e o osíxeno recollido no aparello respiratorio, así mesmo serve para a recollida das substancias de refugallo e o dióxido de carbono. O corazón é o principal órgano e as veas e arterias son os condutos polos que circula o sangue.
Aparello excretor: elimina as substancias de refugallo transportadas polo sangue. O seu principal órgano son os riles.