No desterro - Á luzada do día.
Sona o crarín do galo, que vixía
o primeiro craror, na capoeira,
e o alerta repetido de eira en eira
é toque de rebato na campía.
O enxame de paxaros rechouchía
antre a follaxe espesa da silveira,
e, rachada en xiróns na carballeira,
fuxe a leitosa brétema. Xa é día.
Antre un fervente rebrilar de escumas
sán mar afora as lanchas, como prumas,
ó puxante compás dos longos remos.
Na leira seca e polvorenta, arando,
o destripa terróns fálalle ó gando:
"¡Ei, marelo! ¡Ei, vermello! ¡Bois ou demos!"
Da Terra asoballada - En pé
Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira da Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre, nova vida!