Poemas de Ramón Cabanillas.


Vento mareiro - O galo negro.

Locindo a crista
como un sangrante casco guerreiro,
a ollada dura e alumeante,
o forte e áxil pescozo ergueito,
empolainado, calzada a espuela
co señorío dun cabaleiro,
en circo o rabo de longas prumas
cheas de escuros, limpos refrexos,
como un rei mouro por antre escravos,
solene, mudo, vibrante, teso,
vai antre as pitas do seu comando
o galo negro.


Da Terra asoballada - Meu carriño.

Meu amor de carreteiro!
Meu carriño!
O do eixo de ameneiro
e os canisos de sanguiño!

Lévame, meu carro, leva,
pola meiga terra nosa
que a miña alma saudosa
lonxe dela non se afai.

Lévame por onde escoite
a fala doce e sentida
antre bicos deprendida
no colo de miña nai!

Roda polos nosos eidos!
Anque hai lama no camiño
é a túa terra, meu carriño,
e a terra de meus avós!

Non collas pra chan alleo!
Non me leves a Castela
que non quero nada dela
xa que arrenegou de nós!

Vermello, leva coidado
co carriño,
que pode caír tumbado
no goio dun tremesiño!

C