Textos literarios e non literarios:
➀ Os textos literarios transmiten sentimentos e emocións, ocorren nun mundo ficticio, finxido e imaxinario, aínda que poda haber acontecementos e lugares similares na realidade. O autor quere crear unha obra única. Son textos literarios o conto, a novela, as lendas, a poesía, a fábula, a traxedia...
Primeiro chegou un vento que asubiou por entre as tellas, logo xa sarabiada. Salpedrés que traía o vento, que petaba desde o ceo. Sarabia que espertou a nena que durmía na que fora cama do pai. Látego, música acompasada dos pasiños calmos que a levaban a cociña, do refregar os ollos coas mans.
Saraiba Marga do Val.
➁ Os textos non literarios transmiten mensaxes e tratan de amosar a realidade que vivimos, non son produto da imaxinación do autor. Teñen unha función informativa, intentan dar a coñecer, indicar ou ordenar. Son textos non literarios as noticias, a crónica, a recensión, a reportaxe, a carta, o informe, unha receita...
A sarabia, saraiba, saragana, pedra ou pedrazo, é un tipo de precipitación que consiste en partículas irregulares de xeo. A sarabia xérase en treboadas intensas en que se producen pingas de auga sobrearrefriadas, líquidas pero a temperaturas por debaixo do seu punto normal de fusión (0ºC), e ocorre tanto en verán coma en inverno.
Galipedia