
Botánico, físico, zoólogo, médico e ecólogo sueco.
Na súa infancia amosa un especial interese polas plantas e as flores en particular, cando estaba enfadado dábanlle unha flor e enseguida se calmaba. O seu pai, de nome Nils e botánico aficionado, pasaba moito tempo no xardín e amosáballe flores ao mesmo tempo que lle ensinaba o seu nome. Linneo tivo moi pronto un anaco no xardín do seu pai onde empezou a cultivar plantas.
O seu pai empezou a ensinarlle dende pequeno latín, relixión e xeografía. Con sete anos estimou que era mellor que tivese un educador, os seus pais elixiron a Johan Telander de quen Linneo escribiría na súa autobiografía que era mellor eliminando o talento dun rapaz que desenvolvendoo.
Na escola estudaba pouco pero acostumaba a ir ao campo na procura de plantas, o director da escola, interesado tamén na botánica, non tardou en darlle clases no seu xardín. O mesmo director presentoulle a Johan Rothman que fixo que afondara nos seus coñecementos en botánica e medicina.
Despois duns anos na universidade de Lund, por consello de Rothman, decide ir á universidade de Upsala. No ano 1729 escribe unha tese sobre a sexualidade das plantas o que lle permite empezar a dar clases na propia universidade, é aquí cando empeza a ter dúbidas sobre o sistema que ata a data era empregado para a clasificación das plantas (sistema de clasificación de Tournefort) polo que empezou a crear o seu propio.
Despois de tres anos visita aos seus pais a quen lles explicou o seu plan de ir a Laponia coa intención de atopar novas plantas, animais e minerais. A súa viaxe empezou en 1732, a pe e a cabalo, levaba consigo un diario e manuscritos de botánica, ornitoloxía e follas para gardar mostras de plantas. Fixábase nos musgos e liques, eran o alimento principal do reno (animal moi común en Laponia), atopou grandes cantidades de Campanula serpylifolia, unha planta que se convertería na súa favorita e que posteriormente foi rebautizada co nome de Linnaea borealis.
Aínda que Laponia non tiña unha grande diversidade atopou e describiu unha innumerable cantidade de plantas, aves e rocas. Describiu un centenar de plantas descoñecidas ata a actualidade.
Xa de volta a Upsala o pai do estudante Sohlberg propúxolle irse xunto co seu fillo a Holanda e seguir ensinándolle alí por un salario anual. No camiño a Holanda fixeron unha parada en Hamburgo onde foron recibidos polo alcalde que dicía ter os restos embalsamados dunha hidra de Lema de sete cabezas. Linneo enseguida viu que era falsa e que aquelo non eran máis que mandíbulas e peles de furón e serpes. Como Linneo fixo público o seu descubrimento tiveron que abandonar Hamburgo rapidamente temendo as represalias do alcalde cuxo tesouro agora non tiña ningún valor.
Despois da presentación da súa tese sobre a malaria converteuse en doutor aos 28 anos. Nesta época establece unha grande amistade con Peter Artedi co que acorda que, se un dos dous morre, o supervivente deberá de continuar o traballo do outro.
Dez semanas despois Artedi morre afogado nos canais de Ámsterdan polo que o seu manuscrito sobre a clasificación dos peixes quedou en mans de Linneo.
Posteriormente publicou o seu libro Systema naturae que foi considerado o punto de partida para a sistema de nomes zoolóxico.
Despois de ocuparse de algún xardín botánico en Holanda e visitas a coleccións de Historia Natural en Inglaterra regresa a Suecia onde traballa como médico para casarse e manter á súa familia. En 1750 convértese no reitor da universidade de Upsala, un ano despois publica Philosophia Botanica onde xa se desenvolve un sistema completo de taxonomía. En 1753 publica Species Plantarum que xunto co seu Systema naturae foron considerados internacionalmente como sistemas de nomenclatura das especies.
Tras diversas enfermidades morre en Upsala o 10 de xaneiro de 1778.
A el atribúenselle as citas:
O chocolate é a comida dos deuses
A natureza non da saltos