Logo de ver a que nos referimos cando falamos de máquinas simples e comprender o seu funcionamento, imos agora a aproximarnos á composición das máquinas compostas. Neste vídeo explicámosche como construír unha engrenaxe:
EXPLICACIÓN
As máquinas compostas están formadas por moitas pezas, incluíndo nestas ás máquinas simples; é dicir, nunha máquina composta atopamos rodas, pancas... Un exemplo de maquina composta sería a bicicleta, e se observamos atentamente a nosa bicicleta podemos identificar diversas máquinas simples.
Nas máquinas compostas cada peza realiza unha tarefa, ás veces están agrupadas formando un mecanismo. Segundo a enerxía que utiliza estes elementos poden ser mecánicos ou eléctricos. Son operadores mecánicos:
-
As rodas: poden ser lisas ou dentadas.
-
Os eixes: permiten incorporar rodas ou outras pezas que xiren no mesmo sentido ca el.
-
Os resortes: son elementos elásticos que acumulan enerxía potencial.
-
As cremalleiras: son pezas alongadas e dentadas.
-
As correas ou cadeas: transmiten a enerxía mecánica.
-
As manivelas: son pezas formadas por dous ángulos rectos opostos.
-
As pancas: transmiten a enerxía mecánica.
As engrenaxes: son mecanismos formados por rodas dentadas que xiran arredor dun eixe. Os dentes da engrenaxe trasladan a enerxía mecánica dunha engrenaxe a outra. Nunha engrenaxe simple formada por rodas que encaixan entre si, estas xiran en sentido oposto. Se as rodas están unidas rodeadas por unha cadea, as rodas xiran no mesmo sentido. A unión de dous ou máis engrenaxes denomínase tren de engrenaxe.
As máquinas compostas tamén teñen outro tipo de compoñentes, normalmente eléctricos como motores (tamén de combustión), circuitos, indicadores, pantallas... que utilizan outras formas de enerxía, principalmente enerxía eléctrica. Os mecanismos das máquinas normalmente permanecen no interior do aparato ocultos grazas á cuberta ou carcasa, que os protexe.
Como puidemos observar no vídeo, a nosa engrenaxe está formada por dúas rodas dentadas que transmiten o movemento xiratorio mediante o encaixe dos seus dentes. Unha roda dentada transmite o movemento á roda contigua, que se move en sentido oposto.