Saltar navegación

GUÍA PARA O PROFESORADO

INTRODUCIÓN

Este recurso foi deseñado para ser utilizado na área de Ciencias da Natureza, nos niveis de 5º e 6º de Educación primaria. A planificación desta secuencia didáctica está organizada para seguir a metodoloxía da clase invertida (flipped clasroom, véase https://www.theflippedclassroom.es/what-is-innovacion-educativa/), aínda que se pode adaptar facilmente a outras propostas metodolóxicas máis clásicas. A través desta secuencia, o alumnado comprenderá, dun xeito máis vivencial, conceptos fundamentais presentes no medio natural. 

OBXECTIVOS

Segundo os obxectivos establecidos no Decreto 105/2014 polo que se establece o currículum para a etapa de educación primaria  na Comunidade Autónoma de Galicia, a través deste recurso didáctico o alumnado desenvolverá os seguintes obxectivos:

  • Coñecer e apreciar os valores e normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con ela, prepararse para o exercicio da cidadanía e respectar o pluralismo. 
  • Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, actitudes de confianza nun mesmo, o sentido crítico, a iniciativa persoal, a curiosidade, interese e creatividade.
  • Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega.
  • Coñecer aspectos fundamentais das Ciencias da natureza.
  • Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais.

CONTIDOS

  • A densidade. A fórmula da densidade.
  • Propiedades xerais e específicas da materia.
  • O átomo.
  • A molécula.
  • A tensión superficial.
  • As forzas de cohesión.
  • O principio de Arquímedes.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

  • Coñecer a densidade e como calculala.
  • Diferenciar entre propiedades xerais e específicas da materia.
  • Comprender o concepto de tensión superficial da auga.
  • Diferenciar os conceptos de átomo e molécula.
  • Expresarse con corrección de forma oral e escrita.
  • Desenvolver as destrezas necesarias para traballar en equipo.

ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE

  • Explica o concepto de densidade e calcula a densidade dun obxecto.
  • Identifica que propiedades da materia son xerais e cales específicas.
  • Comprende o concepto de tensión superficial.
  • Diferenza entre átomo e molécula.
  • Presenta os seus traballos de acordo as normas básicas da lingua.
  • Amosa as destrezas necesarias cando realiza unha tarefa en grupo.

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS

Como se avanzou na introdución desta guía, a proposta para este recurso consiste en plantexar na aula a metodoloxía da clase invertida, de xeito que sexa o alumnado  o que individualmente traballe o recurso para despois levar á aula unha posta en común na resolución de dúbidas, así como levar a cabo as propostas de traballo grupal. A meirande parte das actividades están planificadas para realizarse a través do traballo cooperativo e teñen como finalidade abrirse ao resto da comunidade educativa.

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

Este recurso é aberto, é dicir,  posúe a característica de ser modificable, de xeito que o docente pode adaptalo segundo as necesidades do alumnado. O carácter multimedia facilita a comprensión dos contidos ao  estimular varios sentidos á vez; como suxestión, pódese ir revisando o visionado e parando en cada fase para insistir en cada etapa do experimento e repetir a secuencia as veces que sexa necesario, no caso de alumnado con dificultades de comprensión. Por outra banda, inclúese un apartado "sabías que..." para que aquel alumnado con inquietudes sobre este tema poida ampliar os seus coñecementos.

ACTIVIDADES

ACTIVIDADE 1: posta en común do visionado do vídeo 1 e resolución de dúbidas. Realizar un mapa conceptual por equipos sobre os conceptos do experimento 1 (unha sesión).

ACTIVIDADE 2: por equipos, calcular as densidades de diferentes obxectos a partir da fórmula da densidade e anticipar se flotarán na auga (dúas sesións).

ACTIVIDADE 3: posta en común do visionado do vídeo 2  e resolución de dúbidas. Individualmente escribir un microrrelato no que a historia se centre nun saltón como protagonista e estea relacionada coa tensión superficial da auga. Ilustrar a historia. Compartir co resto da comunidade educativa os relatos no punto de lectura en sala da biblioteca (dúas sesións).

 

INSTRUMENTOS PARA A AVALIACIÓN

  • Folla de rexistro coa participación durante as clases, exposición de dúbidas e reflexión sobre os vídeos.
  • Entrega de traballos (mapa conceptual, rexistro do cálculo de densidades e microrrelato).
  • Rexistro do traballo individual dentro do grupo.
  • Rexistro da coavaliación dos compañeiros.

Para facilitar o labor docente, pode consultarse a listaxe de rúbricas para educación primaria que ofrece o proxecto EDIA, e adaptalas ás actividades propostas e ao alumnado:

http://cedec.educalab.es/rubricas/

TEMPORALIZACIÓN

Esta secuencia didáctica está pensada para desenvolverse en cinco sesións.

RECURSOS

  • RECURSOS DIXITAIS: ordenador (mínimo un equipo por grupo); procesador de textos e acceso a internet. Para levar a cabo a clase invertida, cada alumno debe ter un ordenador e acceso á rede na súa casa. 
  • RECURSOS MATERIAIS: material do alumno; diferentes obxectos para medir a densidade (por exemplo: un lapis, un ovo, unha cortiza, unha culler e un limón).