1.- Introdución:
Absolutamente todo o que nos rodea podemos clasificalo en dous grandes grupos: os seres inertes e os seres vivos. A principal diferenza entre eles é que os seres vivos teñen unha organización moi complexa e son quen de realizar funcións vitais mentres que os inertes non.
As funcións vitais:
Todos os seres vivos estamos formados por células e realizamos tres funcións vitais.
➀; Necesitamos nutrientes para vivir (función de nutrición).
➁ Respondemos ante estímulos externos (función de relación).
➂ Para que a especie non desapareza debe de poder ter descendentes (función de reprodución).
As células son a parte máis pequena dun ser vivo capaz de realizar estas tres funcións. Un ser vivo pode estar formado por unha soa célula ou por millóns ou billóns delas. Os seres vivos formados por unha soa célula reciben o nome de seres unicelulares mentres que os de máis de unha célula son os seres pluricelulares.