Como a vida mesma

A lingua precisa

Cada grupo revisará o borrador seguindo estas dúas fases.

Actividade

1. Revisión global

A crónica céntrase no feito histórico traballado? Nárranse os acontecementos como se fosen recentes? Móstranse as causas e o desenvolvemento do feito? Séguese unha orde cronolóxica, acompañando a evolución do suceso? Hai unha expresión da temporalidade adecuada?
Hai un titular subxectivo? A entrada ou o parágrafo de inicio crea expectación? Organízase o corpo en parágrafos ben enfiados? Hai un peche valorativo? Inclúense modalizacións que amosen subxectividade?
Hai algunha descrición (do ambiente, das actitudes...)? Empréganse algúns recursos literarios atraentes? Incorporouse léxico preciso? As oracións están ben construídas? Os elementos de cohesión son suficientes?

Realizade as melloras precisas.


Actividade

2. Coherencia

Que problemas observades nos seguintes casos?
1. Danse datos de detalle sobre a vestimenta nunha crónica política.
2. O texto comeza con "Este uso dos móbiles na aula".
3. Dise, a respecto dunha mañá normal de domingo: "As rúas estaban baleiras, aínda que fose moi cedo".
4. Non hai introdución ningunha nun texto expositivo e achégase unha visión xeral cara ao final.
5. Nun parágrafo reescríbense as ideas doutro anterior.
6. Nunha sala de leria mestúranse varias conversas e lémolas linealmente.
7. Afírmase a necesidade de abolir a pena de morte e indícase que os criminais non merecen vivir.

As opcións:
· Non se mantén o tema do texto
· A información non avanza desde o coñecido ao descoñecido
· A información non é pertinente
· Hai unha contradición
· A información non se presenta en orde
· A relación co mundo representado non é lóxica

Efectivamente, todas esas cuestións teñen que ver coa propiedade textual da coherencia. Refírese á información coa cantidade necesaria, con calidade (pertinencia e claridade) e con estrutura (en orde e con equilibrio entre coñecido-novo). Así, esixe atender tres regras: non contradición, relación e repetición en progresión.

Cúmpreas o voso texto plenamente?

Anterior

Temos a palabra.


Seguinte

O que damos de nós.