6.- A Ilustración.
Durante este século xurde en Europa unha nova forma de entender o mundo, a existencia e a sociedade que non se basea nos textos sagrados senón na razón, pretendendo "iluminar" e "ilustrar" as sociedades europeas para que abandonaran definitivamente a ignorancia, supersticións e outros pensamentos e dogmas relixiosos herdados da tradición.
En España destaca, na primeira metade do século, o ourensán Benito Xerónimo Feixoo (tamén coñecido en castelán como Padre Feijoo) grande ensaísta e divulgador da ciencia (seguidor de Newton), moi crítico cos prexuízos tradicionais e supersticións como amosa na súa obra "Teatro Crítico".
Empézanse a crear as Academias como a Real Academia de la Lengua (RAE) a de Medicina, Historia, ... Xorde un interese polos asuntos económicos e sociais creándose as Reais Sociedades Económicas de Amigos do País preocupadas pola difusión das "ciencias útiles" e o desenvolvemento económico. Destacan persoeiros como Jovellanos ou Campomanes.
O interese pola educación e o proceso científico trouxo consigo a creación de institucións de ensinanza secundaria e superior e a reforma de universidades e colexios maiores.
Xorden figuras como o científico e enxeñeiro naval Jorge Juan que mediu a lonxitude do meridiano terrestre demostrando que a Terra está achatada polos polos.; o médico Andrés Piquer; o botánico Antonio José de Cavanilles; os fabulistas Iriarte e Samaniego e o escritor Leandro Fernández de Moratín autor da famosa obra "El sí de las niñas".