Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

1 (Folla de Carballo e Espiña de Toxo)
Folla de Carballo: Son a Folla de Carballo agarimada do ar. A leve pinga de orballo sobre min se vén pousar.
Espiña de Toxo: Eu son a Espiña de toxo, espiña de toxo arnal. Aínda que teño cara fera nunca fixen ningún mal.
Folla de Carballo: Feridora, fera, mancas o ar co teu xeito de agulla. As andoriñas foxen de ti. Eu son mol. Doulle pousada aos paxaros.
Espiña de Toxo: Teño feitura de agulla porque así son máis delgada. Só por iso.
Folla de Carballo: Todo o mundo che ten medo.
Espiña de Toxo: Gardo e protexo, pola primavera, as miñas flores marelas. As miñas flores, para que saibas, son o sorriso da primavera. Os pegureiros son meus amigos.
Folla de Carballo: Ti non tes amigos. Soñas esperta.

Berenguela

Espiña de Toxo: Co meu coitelo afiado firo o azul da mañá. O ar queda cortado, e faise entón claridade.
Folla de Carballo: Xa ollas, feres. Tes un coitelo. Estás armada para facer o mal.
Espiña de Toxo: Son así. Non fago mal a ninguén. E quero ser a túa amiga.
Folla de Carballo: Imposíbel!
Espiña de Toxo: Por que…?
Folla de Carballo: Porque non.
Espiña de Toxo: Iso non é razón.
Folla de Carballo: Son unha señora
moi señoreada,
amiga do vento
e máis da xeada.
Eu estou no alto,
nun trono sentada.
Ti estás no chan
e non vales nada!
Espiña de Toxo: Pamplinas!

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Folla de Carballo: Envexa! Tesme envexa! A miña cor verde dálle que cavilar ao azul do ceo, para que envexes.
Espiña de Toxo: Eu non che teño envexa nin a ti nin a ninguén. E non me cambio por ningunha folla de carballo.
Folla de Carballo: Que máis quixeras ti!
Espiña de Toxo: Presumida!
Folla de Carballo: Insúltasme! Fáltasme ao respecto! A min, que son unha Señora Folla de Carballo!
Espiña de Toxo: Non che falto en nada. Non sexas enredosa e trapalleira. Es ti que me tiras do xenio.
Folla de Carballo: Cala, famenta, que te esgano! Ríllote cos meus dentes a xeito de serra!
Espiña de Toxo: Que medo! Atrévete, abusona!

(A Folla de Carballo bótase sobre da Espiña de Toxo. Saen da escena pelexando)

Berenguela

2 (Un Garda leva presa cunha gran corda, exaxeradamente grande, a Espiña de Toxo)
Garda: Cala, que te mallo! Mira que quereres matar e esfolar á Folliña de Carballo!
Espiña de Toxo: Perdoe, Señor Garda. Eu non fixen nada malo. Foi ela quen me acometeu. Xúrolle que non voltarei!
Garda: Cousa máis cativa endexamais vin. Es unha espiña feroz e ruín!
Espiña de Toxo: Non fixen nada malo! Eu nunca me metín con ninguén!
Garda: Agora que te ves perdidiña faste a mosca morta. Todas as espiñas espiñades. É verdade ou non?
Espiña de Toxo: Eu non espiño a ninguén. Son boa e pacífica.
Garda: Si…? Imos ver. Ti vas á misa…?
Espiña de Toxo: Non.

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Garda: Cumpres co precepto, pagas a contribución e fuches ao servizo?.
Espiña de Toxo: Non
Garda: E aínda dis que es boa?
Espiña de Toxo: Si. É que eu non son unha persoa, que son unha espiña.
Garda: Logo, se es unha espiña, es mala.
Espiña de Toxo: E dálle!
Garda: Sen faltar, eh! Se me dá a gana, mexo por ti! Para iso son garda!
Espiña de Toxo: Si, señor Garda.
Garda: Andando! Ala imos, xunto do Xuíz!
Espiña de Toxo: Teña piedade de min, que non fixen nada! O único que fixen foi
defenderme.
Garda: Todos os criminosos sodes uns caralavadas! Se non vos coñecerei eu! Arreando!

(Escuro)

Berenguela

3 (A Espiña de Toxo diante do Xuíz)
Xuíz: Como te chamas?
Espiña de Toxo: Chámome Berenguela. O codeso é o meu padriño e a xesta é a miña madriña. Aínda que non sei se será ao revés. A xesta é o meu padriño e…
Xuíz: Iso non me interesa. Respóndeme si ou non ao que che pregunto.
Espiña de Toxo: Si, señor Xuíz.
Xuíz: Así que lle pegaches á Folla de Carballo, eh? Abusas de que es unha espiña feridora. A pobre Folla de Carballo non ten con que defenderse. E ti…
Espiña de Toxo: Eu, señor Xuíz…
Xuíz: Ti, calas! Eu son o Xuíz e, polo tanto, o que fala. Entendiches?
Espiña de Toxo: Si, señor Xuíz.
Xuíz: Despois de lle acometeres ferozmente á infeliz Folla de Carballo aínda tes a caradura e a senvergoñería de replicarme.

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Xuíz: Non, eh…? E logo, non me está a replicar? A min, que son o Xuíz! Aínda o negas! Estou perdendo a paciencia. E non me cabrees. Como me cabrees, heiche de dar para o cabelo.
Espiña de Toxo: Eu… Eu non fixen nada!
Xuíz: Es teimuda! E aínda te atreves a mentir diante de min! Maleducada! Larpeira! Asasina!
Espiña de Toxo: Clemencia e perdón, señor Xuíz!
Xuíz: Agora mudas de trécola porque te ves perdida. E faste moi humilde, moi tal e que sei eu. Mesmo diante da Xustiza obras con torta malicia facéndote a inocente. De momento vou facer un escarmento exemplar e competente para exemplo de toda a xente. (Queda uns intres mudo e caviloso) Antes de mandarte para a cadea, pagarás as atrocidades que cometiches; voute mandar a xunto do Alcalde para que che dea unhas leccións de cidadanía, a ver se sacamos algún proveito de ti, cousa que dubido.
(Escuro)

Berenguela

4 (A Espiña de Toxo diante do Alcalde)
Alcalde: Eu son o Alcalde dono da alcaldía. E se quero déixote sen cidadanía… E, ademais, expúlsote da cidade.
Espiña de Toxo: Si, señor Alcalde.
Alcalde: Se me peta, mándote poñer fóra do meu termo municipal, concello ou axuntamento, como prefiras.
Espiña de Toxo: Si, señor Alcalde.
Alcalde: Imos ver. Ti estás no censo?
Espiña de Toxo: Si, señor Alcalde. Estou censada como ben rústico.
Alcalde: Ai, logo ben. Pagas o alcantarillado?
Espiña de Toxo: Non, señor Alcalde.
Alcalde: E a recollida de porcallada?
Espiña de Toxo: Non, señor Alcalde.
Alcalde: E pagas os dereitos de voladizos?
Espiña de Toxo: Non, señor Alcalde.
Alcalde: E a baixada de canalóns?
Espiña de Toxo: Non, señor Alcalde.

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Alcalde: Non, señor Alcalde; non señor Alcalde! Que non nin que puñetas! O que es ti é unha indesexábel!
Espiña de Toxo: E que eu non teño casa nin ando pola cidade. Servidora vive no monte.
Alcalde: O que es ti é unha anarquista, unha separatista, unha vagamunda, unha drogada, unha espiña de mal vivir, unha pericona. Iso é o que es.
Espiña de Toxo: Eu, eu…
Alcalde: (Sae da escena a berros) Señor Recadador! Señor Recadador! Veña cobrarlle os trabucos a esta Espiña Rebelde!

(Escuro)

Berenguela

5 (Recadador e Espiña de Toxo)
Recadador: Son Recadador da recadación. Encho a miña bulsa e o meu blusón! Recado diñeiro contante e cabal, sexa de papel ou sexa de metal. Quero que me pagues todos os trabucos. Comigo non valen nin mañas nin trucos!
Espiña de Toxo: Eu non teño diñeiro
Recadador: Non, eh…?
Espiña de Toxo: Non
Recadador: E non tes quen cho preste?
Espiña de Toxo: Non.
Recadador: Non tes un eido, unha navalla, un dente de ouro, unha camisa, unha entrada de fútbol…?
Espiña de Toxo: Non, non teño nada.
Recadador: Non é posiíbel! Teño que cumprir coa miña obriga e cobrarche os trabucos e impostos, ademais dos recargos. Mais, non tes nada de nada? Cavílao ben!

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Espiña de Toxo: O único que teño é o marelo das miñas flores. Agora non dispoño de ningunha. Teño que agardar a que chegue a primavera.
Recadador: Que pecado! Que herexía meirande! O marelo das flores non vale nada! Que herexía! Teño que chamar polo Crego para que esconxure a esta herexe! (Sae da escena berrando) Señor Crego, señor Crego!

(Escuro)

Berenguela

6 (Crego e Espiña de Toxo)
Crego: Oh, Espiña de Toxo
á que ollo con noxo
no poder do mal,
no lume infernal,
baixo a pouta de Belial!
espello de concupiscencia,
tulla de incontinencia,
celeiro do pecado
que vas contra o mandado
sementando a guerra
pola faz da terra!
Vén a cen
polo camiño do ben!
Di: AMÉN.
Espiña de Toxo: Amén!
Crego: Máis forte, máis forte!
Espiña de Toxo: (A berros) Amén, amén, amén!

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Crego: Verdadeiramente, esta Espiña de Toxo ten o Demo metido no corpo! Arrenégote, Satanás! Dios me lo perdoe,Señor! Salva sea la parte! Amén, amén!

(Escuro)

Berenguela

7 ( O Garda leva a Espiña de Toxo atada polo pescozo cunha gran corda)
Garda: Arrea! Estou desexando perderte de vista e deixarte xa dunha vez nun lugar seguro.
Espiña de Toxo: Non tires tanto, que me mancas.
Garda: Estache ben merecido! Todo é pouco! Pérdense as do ar!
Espiña de Toxo: Eu non fixen nada!
Garda: Xa coñezo esa trécola! Imos, que non teño tempo que perder. Teño que ir beber as miñas cuncas ao Carrazúa, ao Blusas, ao Arañeira, a onde me pete…
Espiña de Toxo: A moitos lugares vas.
Garda: E que teño moita sede.
Espiña de Toxo: O que che pasa é que es un bébedo.
Garda: Eu un bébedo…? Mide as túas palabras, que son unha autoridade!
Espiña de Toxo: Que máis quixeras! Se me deixas fuxir, douche un bocoi de viño.
Garda: E onde o tes?

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Espiña de Toxo: Agora non o teño. Daríacho así que me deixases fuxir.
Garda: Olla que es lista. Andando para a cadea!
Espiña de Toxo: Eu non fixen nada! Eu son inocente!
Garda: (Cantando como fan os nenos) A Espiña é inocente! Inocente como un nabo da semente!

(Escuro)

Berenguela

8 (A Espiña de Toxo co Carcereiro)
Carcereiro: (Pechando a Espiña de Toxo na cadea)
Eu son o Carceleiro
da Cadea Principal!
O que custodia o rateiro
o ladrón e o criminal!
Por pericona e boa prea,
Espiña tola e ruín,
tes cen anos de cadea
ben gardadiños por min!
Espiña de Toxo: Non entendo nada! Eu non me metín con ninguén! A ninguén lle faltei! Que inxustiza máis grande! (Rompe a chorar e a saloucar)
Carcereiro: Non chorabas cando lle acometeches á Folla de Carballo! Asasina! Estarás na cadea deica que che se pudran os ósos.Vas botar cen anos e un día nesta cadea!

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Espiña de Toxo: Non hai xustiza! Eu non lle acometín á Folla de Carballo nin a ninguén! Son de natural pacífico!
Carcereiro: Aínda tes que dicir, desvergoñada! Anarquista! Dexenerada! Separatista! Tentabas esborrallar a Cultura e a Civilización. Mentícheslle ao Xuíz, burlácheste do Crego, non respectaches ao señor Alcalde, négaste a pagar impostos e trabucos. E dis que non
fixeches nada! Menos mal que para algo estamos os gardas e os carcereiros.
Espiña de Toxo: Eu digo a verdade. Non hai dereito ao que facedes comigo!
Carceleiro: (Asegurándose de que está todo pechado, revisando os cadeados)
Aí quedas, presa e ben presa, atada e ben atada! Eu vou botar un subastado cos meus compadres os gardas! Ha, ha, ha!
(Escuro)

Berenguela

9 (Espiña de Toxo na cadea. Logo, o Espírito do Monte. A Espiña de Toxo asomando por unha fiestra, aínda que grande, chea de reixas e de barrotes moi grosos)
Espiña de Toxo: Ai de min! Ai de min, que son perdidiña! Levo cadea para anos e anos! Aquí, detrás destas reixas, destes ferros irei esmorecendo pouco a pouco, murchándome, sen esperanza de voltar a ollar a luz do sol! (Chora e salouca)
Espírito do Monte: Espiña de Toxo...Espiñiña de Toxo... Berenguela. Berenguela!
Espiña de Toxo: Quen me chama?
Espírito do Monte: Son eu. O Espírito do Monte, que veño por ti. Non me recoñeces?
Espiña de Toxo: Claro que te recoñezo! Mais, como poderei fuxir?
Espírito do Monte: Teño poder para iso e para moito máis. Para iso eu son un espírito
Espiña de Toxo: E non darán comigo?

Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo

Espírito do Monte: Non teñas medo. Os teus perseguidores nada poderán contra ti nin contra min. Fora do asfalto, eles non son ninguén.
Espiña de Toxo: Non te fíes. Teñen todo medido, espiado, retratado, catastrado, contabilizado, apuntado nuns libros.
Espírito do Monte: Eu levareite á bouza máis perdida. Ao monte máis soedoso. Alí terás por compañeiras as nubes que pasan, os animais ceibes, os aires puros e vagamundos. Alí serás libre. (O Espírito do Monte sopra, e caen esborrallados os muros da cadea)
Espiña de Toxo: (Dando brincos)
Libre! Libre! Libre!

(Escuro)