
Aínda que parece que exipcios e romanos xa fixeran tentativas de introducir sangue doutros seres vivos no corpo humano, o primeiro intento de transfusión sanguínea, do que hai constancia, produciuse no 1492; o Papa Inocencio VIII atopábase en coma, para intentar salvar a súa vida administráronlle oralmente o sangue de tres nenos de dez anos (aínda non se coñecía a circulación sanguínea); os tres nenos e o Papa morreron.
No século XVII o médico británico G. Harvey fai unha descrición completa da circulación e as propiedades do sangue ao ser distribuída por todo o corpo a través do bombeo do corazón. Previamente René Descartes no seu libro Descrición do corpo humano xa dixera que arterias e veas eran tubos que transportaban
nutrientes por todo o corpo co que o descubrimento de Harvey veu a confirmar as súas ideas.
Neste século tamén se intentaron realizar transfusións pero sen éxito ata que en 1665 Richard Lower, despois de desangrar un can ata case a morte, conseguiu revivilo facendo unha transfusión doutro can ligando unha arteria de cada animal. Dous anos despois, o médico de Louis XIV,o francés Jean Baptiste Denis, consegue realizar unha transfusión dunha ovella a un rapaz de quince anos e logo a un traballador, sobrevivindo as dúas persoas. A pesar de todo, as transfusións con éxito total aínda tardarían moito en chegar.
No 1901 o norteamericano Landsteiner descubre os grupos sanguíneos, isto faría que as transfusións empezasen a ser máis seguras. Non obstante había un gran problema, nestes momentos aparentemente insuperable, a coagulación. A única forma de transfusión era a directa, de persoa a persoa, facíase conectando o torrente sanguíneo do doante ao do receptor mediante uns condutos de goma e outros aparellos, o sistema tiña problemas como o de non saber que cantidade de sangue se transfería.
Había entón o problema de que se non se contaba cun doante axeitado non se podía realizar a transfusión co problema que iso tería para a persoa enferma que o necesitaba.
Varios científicos buscaron entón a forma de poder almacenar e transportar o sangue alí onde fose necesario. En 1914 o médico arxentino Luis Agote e o belga Albert Hustin lograron desenvolver un método (cada un por separado) para que o sangue non se coagulara. O método consistía en mesturar nitrato de sodio NaNO3 cunha solución salina. Por esas fechas o norteamericano Edwin Cohn consegue un método para separar e illar distintos compoñentes do sangue como o plasma ou a gamaglobulina.
Despois de varias probas, Agote e os seus colaboradores conseguiron o exito nunha transfusión de 300 cm3 de sangue, doada por un empleado do hospital no que traballaban, a unha muller que acaba de dar a luz. Despois de tres días
a muller deixou o hospital en perfecto estado de saúde.
Durante a Segunda Guerra Mundial a transfusión de sangue foi empregada a gran escala para tratar a soldados feridos. Hoxe en día, cada ano, estímase que se transfunden uns 38 millóns de litros de sangue no mundo.
Actualmente fanse transfusións cando un doente ten unha falta de compoñentes sanguíneos que non poden ser substituídos por outros métodos. Por exemplo pacientes de cáncer que precisan de glóbulos vermellos ou de plaquetas xa que durante o tratamento con quimioterapia a medula ósea pode perder a capacidade de fabricar esas células sanguíneas; ou os hemofílicos, persoas que
necesitan plasma e os factores de coagulación presentes nel xa que a enfermidade, a hemofilia, afecta a capacidade de coagularse do sangue, polo que calquera ferida ou hemorraxia tería serias dificultades para taponarse coa conseguinte perda de sangue.
Ao ser o sangue e os seus compoñentes algo que crea o noso corpo e que, de momento, non somos quen de producir artificialmente é moi importante que as persoas adultas sas sexan doantes de sangue axudando así a unha cantidade importante de xente que o precisa.