1.- A formación do relevo terrestre.
Como xa saberás a Terra está dividida en tres grandes capas, a codia, o manto e o núcleo. A codia é a capa máis delgada das tres e a máis superficial. A súa parte máis externa forma os continentes e os fondos mariños.
Existe unha teoría chamada "tectónica de placas" que explica como está formada esta codia por grandes placas que, pola acción da gravidade e da calor da propia Terra, móvense moi lentamente, isto fai que unhas placas estean separándose e outras colidindo.
As capas que se separan producen, na zona de separación, expulsións de magma o que pode dar orixe aos volcáns, son as zonas das dorsais oceánicas.
As que chocan (colisión continental) desprázanse unhas baixo as outras destruíndo a parte externa da codia dando lugar a novas elevacións do terreo (serras e montañas). Nestas zonas son comúns os terremotos.