4.- O aparello dixestivo.
Está formado polo tubo dixestivo e as glándulas dixestivas.
O tubo dixestivo empeza na boca, continúa pola farinxe, esófago, estómago, intestino delgado, intestino groso e o ano. Ao estar dobrado (fundamentalmente no intestino delgado) a súa lonxitude pode chegar, nunha persoa adulta, a medir os once metros. No interior deste tubo hai un número moi elevado de bacterias que se nutren dos alimentos que percorren o tubo pero que son de gran axuda no proceso dixestivo.
Existen dous tipos de glándulas dixestivas, as microscópicas aloxadas en gran número nas paredes do estómago (segregan o zume gástrico) e no intestino delgado (fabrican o zume intestinal) e as glándulas anexas que se atopan fóra do tubo dixestivo e verten os seus zumes ao interior de este mediante condutos. Temos as glándulas salivares da boca que segregan a saliva, o fígado que produce a bile e o páncreas que crea o zume pancreático.