Este exercicio consta de dúas partes: primerio deberás localizar os recursos estilísticos; despois, interpretar os símbolos.



A alma é unha roseira
frorecida, cuaxada
de rosiñas vermellas
e de rosiñas brancas.

Alegrías e penas
son o vento que pasa;
ás veces como un bico,
ás veces trebonada.

Unha bágoa que surde,
unha risa que estala…
son rosiñas que caien
da roseira da alma!

Miña nai que me arrola,
un amor que me chama,
a esterlina da groria
no sendeiro da espranza…

Cando a vida comeza
¡cántas rosiñas brancas!

Un filliño que morre,
un amor que se apaga,
a ilusión que se afoga
no remuíño das ágoas…

¡Cantas rosas vermellas
ó mediar a xornada!

Xa son vello, e o vento,
vento de trebonada,
desfollóume a roseira,
a roseira da alma.

Pero deste dor da Terra
ferida e esclavizada…
¡qué rosiña vermella!
¡cómo doi! ¡cómo sangra!


Cabanillas, Da terra asoballada
Completa os ocos co nome dos recursos estilísticos que se dan en cada caso: imaxe, paralelismo e antítese, metáfora (da vida), antítese, comparación:

A alma é unha roseira -------------------------

de rosiñas vermellas
e de rosiñas brancas
-------------------------

Alegrías e penas ------------------------
son o vento que pasa ------------------------
ás veces como un bico -------------------------

Unha bágoa que surde
unha risa que estala
-------------------------

o remuíño das ágoas -------------------------

Fíxate no sentido que teñen no poema os símbolos “rosiña branca” e “rosiña vermella”; logo indica con F ou V se as seguintes afirmacións son verdadeiras ou falsas:
As rosiñas brancas están relacionadas coa esperanza, co que están por chegar:
As rosiñas brancas son elementos positivos:
A vida está composta de rosiñas brancas (negativo) e rosiñas vermellas (positivo):
No poema, as rosiñas non simbolizan nada, xa que se refire unicamente ás rosas dun xardín:
As rosiñas brancas vincúlanse ó nacemento porque, nese momento, non hai penas nin amarguras :
As rosiñas vermellas refírense á paixón con que se vive a vida :
A vida está composta de rosiñas brancas (positivo) e rosiñas vermellas (negativo) :
A rosiña branca vincúlase á dor :
Podemos dicir que as rosiñas brancas son unha metáfora das experiencias positivas da vida :
As rosiñas vermellas son unha metáfora das experiencias negativas da vida :
Cando chega a metade da súa vida, aínda predominan as rosiñas brancas :