Proposta de actividade segundo o estilo de aprendizaxe
Fundamentación teórica
Con “estilo de traballo” a teoría das intelixencias múltiples (IM, Gardner e colaboradores, 1998) refírese á maneira que manifesta cada alumno de enfocar a aprendizaxe, e á interacción que establece o alumno coas tarefas e situacións do proceso de ensinanza-aprendizaxe.
Suxerencia de posta en práctica: o docente asigna un estilo a cada alumno. Eles van realizando cadanseus exercicios até concluír nun debate de aula. Ofrécese como actividade de avaliación auténtica. É dicir, proporciona múltiples fontes de avaliación: ofrece información útil para a aprendizaxe, coloca os estudantes en contextos naturais, favorece a aprendizaxe cooperativa e aborda procesos e produtos. En definitiva, ofrece unha imaxe global do alumno/a.
“Falo galego” debe orientarse, necesariamente, ao uso oral da lingua. Este é o fundamento desta proposta, enfocada a preparar e levar a cabo un debate na aula. Ten, ademais, outros obxectivos: por unha banda posibilitar que os alumnos realicen aprendizaxes significativas por si mesmos, é dicir, que sexan capaces de aprender a aprender. Por outra, a discusión pode obrar un espazo para que o docente debata a existencia de prexuízos dentro da aula e reflexionar sobre eles.
Estilo activo
Características: animador, improvisado, descubridor, arriscado, espontáneo.
- Elabora un cuestionario sociolingüístico e interprétao (é preferible que esta actividade se leve a cabo en grupo de dous).
1º paso : Selecciona imaxes de persoas de distintas clases sociais, razas, sexos, idade, etc.
2º paso : elabora un cuestionario único para todas as fotografías (cal deles ten un oficio manual, cal gaña máis, cal é máis culto, rico, simpático, quen fala mellor, quen fala idiomas, etc.).
3º paso: ensina as fotografías aos compañeiros e toma nota das respostas.
4º paso : sintetiza o resultado e interprétao.
5º paso : reflexiona por escrito sobre a imaxe real/ estereotipada que temos sobre a educación.
6º paso : exposición na aula do proceso-resultado.
- Intervir con fundamento no debate final.
Estilo reflexivo
Características: ponderado concienzudo, receptivo, analítico, exhaustivo.
- Confeccionar un plan de traballo en pequeno grupo para recoller os desvíos da norma máis frecuentes que se escoitan na aula e/ou entre os amigos e nos medios de comunicación.
- Recoller e sistematizar nun listado os desvíos da norma máis frecuentes que localizaron.
- Despois de asistir á reflexión efectuada polos compañeiros do estilo activo, establecer os puntos fortes e as contradicións, se as houber, da súa argumentación.
- Efectuar por escrito un listado de consideracións (por exemplo en forma de preguntas ou suposicións) que poidan enriquecer o debate.
- Intervir con fundamento no debate final.
- Elaborar as conclusións finais sobre o debatido na aula.
Estilo teórico
Característica (metódico, lóxico, obxectivo, crítico, estruturado).
- Informarse e reflexionar sobre as diferenzas entre educación e cultura. Facer unha síntese por escrito.
- Poñer dous exemplos de personaxes históricos relevantes coñecidos polos seus coñecementos académicos e de personaxes históricos analfabetos coñecidos polas súas actuacións e/ou coñecementos.
- Sacar conclusións do punto anterior e refacer /reformular a reflexión do primeiro punto, se se consideran preciso.
- Confeccionar un listado coas características (especialmente lingüísticas) que se lle atribúen a unha persoa culta. Outro coas que consideren que non debería ter.
- Informarse sobre os criterios de revisión das normas polos que se rexen as Academias da lingua.
- Intervir con fundamento no debate final.
Estilo pragmático
Característica (experimentador, práctico, directo, eficaz, realista).
- Informarse sobre (ou visionar se é posible) a película My fair lady. Identificar os temas que aborda e explicar a importancia que se lle concede á corrección lingüística.
- Buscar outras películas/libros de temática similar e opinar por escrito sobre a súa vixencia.
- Definir os principais desvíos da norma lingüística (vulgarismos, dialectalismos, etc.) e explicar cales son admitidos pola norma e cales non, e en función de que criterios.
- Recoller e sistematizar unha lista dos desvíos da norma máis frecuentes que se escoitan na aula e/ou entre os amigos.
- Intervir con fundamento no debate final.
