2-Comunicacion/22_a_comunicacin_depende_de_onde_e_con_quen_nos_encontremos.html

2-2- A comunicación depende de onde e con quen nos encontremos?
PRINCIPAL

Saltar navegación

2-2- A comunicación depende de onde e con quen nos encontremos?

 

Pois si. A iso chamámoslle adaptarse á situación comunicativa. Xa te darías conta de que teus pais, por poñer un exemplo, non lle falan igual ao teu irmán de tres anos que a ti, ou ao médico, cando te acompañan a unha consulta. Iso é así porque todos debemos usar os niveis de lingua e os rexistros adecuados a cada contexto e situación comunicativa. Debemos observar as principais diferenzas, contextuais e formais, entre os distintos niveis e rexistros, tanto cando nos expresamos oralmente como cando o facemos por escrito.

Os rexistros lingüísticos

Basicamente, diferenciamos dous rexistros: o denominado formal e o informal.

O rexistro formal é o que se emprega para compoñer textos escritos (por exemplo, documentos administrativos, noticias periodísticas...) e para contextos orais formais (por exemplo, unha conferencia). As características que definen este rexistro son: vocabulario rico e preciso, corrección sintactica e ortográfica e ausencia de expresións de opinión persoal, é dicir, adoitan ser textos neutros, que abordan algún tema especializado.

O rexistro informal emprégase na fala espontánea, na lingua oral coloquial ou familiar. Entre as características lingüísticas deste rexistro destaca o uso de exclamacións e interrogacións, a sintaxe desordenada, o vocabulario restrinxido ou pouco preciso e o uso de frases feitas ou comodíns: non sei, eee, pois...

As fórmulas de cortesía

Nun acto comunicativo interveñen un emisor e un receptor. O tratamento dos interlocutores dependerá da situación comunicativa e do tipo de rexistro que se empregue.

Nunha situación informal, por exemplo, en clase, o normal é que trates aos teus compañeiros de “ti”, empregando os verbos na 2ª persoa: Trouxeches ti o libro de mates?, “Cambiastes vós a data do exame de lingua?

Non ocorre o mesmo nos contextos formais, nos que debemos empregar as fórmulas de cortesía: o pronome que se usa é “vostede” / “vostedes” e a persoa verbal é a terceira: “É vostede o último?”

Os ruídos

A transmisión dunha mensaxe do emisor ao receptor pódese ver dificultada ou interrompida por elementos que consideramos "ruídos".

Ademais dos propiamente ditos (perturbacións sonoras como pitidos, música moi alta, etc.) consideramos ruídos na comunicación:

  • Os usos incorrectos do código (erros de expresión, caligrafía ilexible...).

  • Amosar signos de falta de atención dun dos interlocutores (mirar repetidas veces para outro lado, dar sensación de aburrimento, mostrarse apurado...).

  • A voz baixa (ianudible) ou moi alta.

  • O exceso de información.

  • Monopolizar a conversa.

  • Interromper ao que está falando.

  • Falar sen coñecemento de causa.

  • Non atender á mensaxe do interlocutor.

  • Sorrir de xeito burlón.

  • Non responder; quedar calado moito tempo.

  • Amosar unha linguaxe non verbal agresiva.