Proposta de actividades segundo o estilo de aprendizaxe
Fundamentación teórica
Con “estilo de traballo” a teoría das intelixencias múltiples (IM, Gardner e colaboradores, 1998) refírese á maneira que manifesta cada alumno de enfocar a aprendizaxe, e á interacción que establece o alumno coas tarefas e situacións do proceso de ensinanza-aprendizaxe.
Suxerencia de posta en práctica: o docente asigna un estilo a cada alumno. Eles van realizando cadanseus exercicios até concluír nun debate de aula. Ofrécese como actividade de avaliación auténtica. É dicir, proporciona múltiples fontes de avaliación: ofrece información útil para a aprendizaxe, coloca os estudantes en contextos naturais, favorece a aprendizaxe cooperativa e aborda procesos e produtos. En definitiva, ofrece unha imaxe global do alumno/a.
“Falo galego” debe orientarse, necesariamente, ao uso oral da lingua. Este é o fundamento desta proposta, enfocada a preparar e levar a cabo un debate na aula. Ten, ademais, outros obxectivos: por unha banda posibilitar que os alumnos realicen aprendizaxes significativas por si mesmos, é dicir, que sexan capaces de aprender a aprender. Por outra, a discusión pode obrar un espazo para que o docente debata a existencia de prexuízos dentro da aula e reflexionar sobre eles.
Estilo activo
(Animador, improvisado, descubridor, arriscado, espontáneo).
1- Redactar cun compañeiro unha simulación de diálogo entre un turista xaponés, que (despois de visitar a Catedral de Santiago) achégase a un restaurante para xantar, e o camareiro/a que o atende.
2- Redactar a simulación da mesma situación, mais trocando o turista xaponés por un catalán.
3- Dramatizar na aula as dúas simulacións, trocando os compañeiros os papeis (unha vez turista, outra camareiro/a).
4- Facer un listado das linguas peninsulares posibles coas que se pode encontrar o camareiro/a.
5- Facer un esquema coas posibles diferenzas entre as situacións comunicativas (lingua inicial ou de contacto, lingua vehicular das conversacións, normalidade ou prexuízo, etc.).
Estilo reflexivo
(Ponderado concienzudo, receptivo, analítico, exhaustivo).
1- Efectuar un listado con cinco pros e contras no que recollan a súa opinión sobre a convivencia lingüística.
2- Asistir á dramatización anterior dos seus compañeros/a e describir por escrito as dúas situacións comunicativas.
3- Reflexionar sobre se se producirían cambios nas dúas escenas en caso de que a visita sucedese na Catedral de Barcelona e o segundo turista fose galego. Poñelas por escrito.
4- Entrevistar a compañeiros que se viran en situacións semellantes e tomar nota do pertinente respecto ao uso das linguas peninsulares.
5- Tendo en conta o resultado das anteriores, redactar de novo (ou reformular) e/ou sacar novas conclusións, se procede, da proposta do punto un.
Estilo teórico
(Metódico, lóxico, obxectivo, crítico, estruturado).
1- Lectura e síntese do texto proposto.
2- Análise do listado de pros e contras dos seus compañeiros/as do estilo teórico. Detección de puntos débiles ou fortes.
3- Proposta simulada de situación conflitiva no uso das linguas cooficiais.
4- Resumir o contido da Constitución respecto á existencia de varias linguas en España (sobre todo no relativo á súa protección).
Preme para leres o texto:
Estilo pragmático
(Experimentador, práctico, directo, eficaz, realista).
1- Facer unha enquisa aos compañeiros para coñecer o grao de competencia lingüística (oral e escrita) da aula. Sintetizar a información.
2- Definir os seguintes termos: lingua cooficial, lingua vernácula, dialecto, lingua minorizada. Exemplificar.
3- Expoñer na aula o punto anterior.
4- Elaborar un cuestionario con preguntas para coñecer a sensibilidade lingüística dos compañeiros.
5- Facer un resumo que sintetice as ideas máis importantes do debate mantido na aula.
