6- Proposta de actividades
Actividade 1
Accede ao seguinte enderezo web:
http://www.xunta.es/linguagalega/dia_internacional_da_lingua_materna_2010
Ao final, en “recursos” hai unha ligazón a “Mapas Vivos”. Escolle un continente, busca información sobre as linguas faladas en catro países dese continente e elabora un esquema-resumo.
Actividade 2
Procura información sobre Liet: Concurso de música europeo para linguas minoritarias.
Actividade 3
A cada alumno asígnaselle a lectura dunha das linguas desenvolvidas nos enlaces correspondentes a Europa e América.
Posteriormente, o profesor/a indicará os alumnos que deberán expoñer oralmente aos compañeiros a situación sociolingüística dos devanditos países.
Actividade 4
Traballo de recompilación (e posterior síntese da información) sobre a situación dalgunha das linguas non traballadas neste tema.
Completa, como mínimo, a seguinte información:
País:
Continente:
Nº de habitantes:
Lingua/s oficial:
Ten linguas minoritarias ou minorizadas?
De que familia lingüística?
Cales son as linguas escolares?
Actividade 5
Proposta de investigación: significado e contexto do seguinte texto:
Á l’école:
“Defense de cracher par terre et de parler breton”.
Actividade 6
Resolución de problemas
Descrición
Expoñemos aos alumnos o seguinte problema relacionado coas linguas en contacto tomado dun xornal:
Unha alumna comeza a realizar nunha clínica as prácticas do Ciclo que está estudando. Como ela fala galego, emprega esa lingua o día que se vai presentar. A persoa responsable comunícalle que alí non poderá falalo, porque traballan de cara ao público e non queren que o persoal fale galego cos clientes.
Divídese a clase en grupos de tres. O alumno A será a alumna en prácticas, o alumno B o responsable da clínica e o alumno C actuará de secretario. Os alumnos A e B simularán a escena e intentarán chegar a unha solución; cando rematen, o alumno C tomará nota das solucións propostas.
Uha vez que finalicen as simulacións todos os grupos, os secretarios lerán as solucións propostas e o profesor irá escribíndoas no taboleiro. Para rematar, despois de debateren sobre elas, votarase pola solución que estimen máis axeitada.
