Ditados e lecturas




Le os texto e fíxate na súa ortografía. Podes copialos ou que alguén chos dite.












Esa mañá non saín da casa. O mundo veume encima. Acovardeime e non fun traballar. Sei que cando unha palabra non sae á rúa, ou non vai ás cafeterías, aos colexios, as oficinas, en fin, aos lugares de sempre, para esa palabra comenza o principio da fin.

Sechu Sende:Made in Galiza, Galaxia, Vigo, 2007


As esquinas da rúa
que fago pola noite
son as proas da cidade.
Eu, o máis fermoso mascarón.
Nacín madeira de serea;


o meu canto fuma
rosas dos ventos
en solapas descoñecidas.
Desorientadas xa.
E os peixes que teño nos beizos
Coñecen
todos os buratos do suburbio.
Porque cada crepúsculo
atracan, nas miñas costas,
demasiados barcos desnortados.
Din que me movo
en danza oceánica;
que bico coa vertixe do nordés.
Comprenden que cobre
por fabricar amor.
Pero ninguén sabe
con cantos piratas
teño que deitarme
antes de poder durmir.

Rosalía Fernández Rial: Vinte en escena.Edicions positivas, 2012




A submisión das cidades ao poder temporal dos prelados non foi acatada de bo grado nin tardou en ser contestada. Tras o nome de María Castaña agáchanse personaxes e acontecementos relativos á rebeldía urbana en Lugo. O episodio histórico desenvóvese nun lapso cronolóxico que vai de finais do século XIV aprincipios do XV, e seguramente excede a biografía da heroína. Non é, por tanto, tan remoto nin moito menos indeterminado ou fabuloso como parecería dar a entender a expresión en tempos de María Castaña. María Castaña existiu: ten un tempo e un lugar.


Anselmo López Carreira: O Miño: un caudal de historia. Ed. Xerais.2014






A cidade é tamén
Outra pola noite
Cando as tendas pechan
E as manequíns quitan a maquillaxe
E poñen o pixama
E nas ventás
No canto da lúa
brillan os farois.

María Reimóndez. Moda galega reloaded (ou a crise do capital) . Ed. Positivas, 2014.