Ditados e lecturas

Un edifico grande, moi grande, pequeno ou mediano, dividido en diversas salas. As paredes das salas están cheas de lenzos pequenos, grandes, medianos. Ás veces miles de lenzos que reproducen mediante a cor trozos de natureza: animais en luz e sombra, bebendo auga, xunto á auga, tumbados na herba; xunto a eles unha crucifixión feita por un artista que non cre en Cristo; flores, figuras sentadas, andando, de pé, ás veces espidas, moitas mulleres núas; mazás e bandexas de prata, retrato do Conselleiro N; anoitecer; dama en rosa, parrulos voando; retrato da baronesa X; gansos voando; dama en branco, tenreiras na sombra con manchas de sol amarelas (...) Todos estes datos están impresos nun libro: o nome dos artistas, os nomes dos cadros. As persoas levan estes libros na man e van dun lenzo a outro, mírano e len os nomes. Despois marchan, tan pobres ou tan ricas como entraron, e son absorbidos inmediatamente polos seus intereses, que non teñen nada que ver coa arte. Por que viñeron? Cada cadro encerra misteriosamente toda unha vida, toda unha vida con moitos sufrimentos, dúbidas, horas de entusiasmo e de luz.
Vasily Kandinsky: De lo espiritual en el arte. Ed. Paidós Estética. 1996. (Tradución propia)
A cor branca é un silencio que non está morto senón , polo contrario, cheo de posibilidades. A cor branca soa como un silencio que de súpeto se pode comprender. É unha nada xuvenil ou, mellor dito, a nada anterior ó comezo, ó nacemento. Quizais a terra soaba así nos tempos brancos da era glaciar.
Vasily Kandinsky: De lo espiritual en el arte. Ed. Paidós Estética. 1996. (Tradución propia)
A cor azul é a máis fría. A orixe desta idea xorde da experiencia: a nosa pel ponse azul co frío, os beizos póñense azuis, e o xeo e a neve amosan tons azulados. O azul é máis frío co branco, xa que branco significa luz, e o lado da sombra sempre é azulado. Na pintura moderna ,desde que os impresionistas comezaron a representar as cousas sen as súas cores reais, disolvéndoas nas cores da luz, as sombras xa non son pardas, son azuis.
Eva Heller: Psicología del color. Cómo actúan los colores sobre los sentimientos y la razón. Ed. Gustavo Gol, 2013. (Tradución propia)
Abecedarios baleiros
Abecedarios de azar amargurado.
Beixos de baldíos balorentos.
Camposas cansas de cinza cega.
Chairas de chumbo chaguazoso.
Dor de debuxos desfigurados.
Esvaemento de esperanzas ebrias.
Fumes fuxidos de fogaxes fríxidas.
Gándaras de galaxias grises.
Hecatombe de herméticas herdanzas.
Idiomas de idades inaprensibles.
Lentura lene de lánguida laceira.
Mares de macias mágoas mancadas.
Nubes de náufraga nudez.
Outono de olladas orfas.
Poeira de pedras prateadas.
Queixume de quietude queda.
Recendos raros de relentos rotos.
Saraiba de sorrisos secos.
Templos temperáns de torpes tentos taponados.
Universos de utopías últimas.
Vales vacíos de vagos vapores vagabundos.
Xardíns xementes de xarope xélido.
Zodíacos de zume zugado que zozobra.
Yolanda castaño, Elevar as pálpebras. Ed. Espiral Maior.1995