Lecturas e Ditados






Prefiro ser a filla do pirata,
a nena imposíbel que non peitea os cabelos,
a mesma que salta e corre
ou vence un exército.
A que rexeita belezas improbábeis
e se rende ante a liberdade
para botarse a voar,
sen lastre, sen présa, sen bagaxe.
A que esculca nos ollos dos que pasan
e descobre almas e covas,
pozos e estrelas
con que facerse ao mar.


Marta Dacosta. As Amantes de Hamlet. Ed. Espiral Maior. 2003





Como lle prometera, axúdolle a Marcos a adornar a árbore. Ei!, a árbore é de mentira, eh? Na casa sómosche moi ecolóxicos; non temos o costume de matar abetos. Divertímonos como ananos colgando bólas e adornos nas pólas. Mentres, a tele está acesa; sentimos o murmurio de dondo, pero non a escoitamos.
Conseguimos poñer o derradeiro adorno, unha estrela de purpurina, no cimo da árbore sen
facermos unha desfeita. Resultado final: tan só dúas bólas vermellas escachadas, unha grilanda de luces fundida e un boneco de neve esnaquizado.

Gemma Lienas, O diario violeta de carlota. Editorial Galaxia, 2011.







Aínda era moi nova cando me fixeches o fillo. Unha rapariga demasiado nova como para intuír que a miña vida contigo ía ser um xogo de esperas desesperanzadas. Fixéchesme o fillo, casamos, e logo, deixándome grávida outra vez, evaporácheste como a agua nun día de moita calor. Á emigración. Pero ti, sábelo ben, non marchaches pola emigración.

Fran Alonso, Cartas de amor. Ed. Xerais, 2008 .







Un día en que lle mostrei a Ingrid o fragmento anterior do diario, ela dixo algo elocuente, algo así como que cando un individuo quere escaparar hai que deixalo ir, e que cando non dá arrincado, cómpre esperar á beira do camiño sen facermos ruído en vez de apuralo coa nosa présa. Que razón ten! Máis resultou difícil naquel tempo acompasar os ritmos de cadaquén, como se fósemos pezas dunha maquinaria complicada e respondésemos a distintas engrenaxes.


Teresa Moure: A intervención. Ed. Xerais, 2010.