XEOGRAFÍA DE GALICIA

Poboación

A POBOACIÓN DE GALICIA
En Galicia viven casi 2.800.000 persoas, sendo unha das comunidades autónomas máis poboadas de España. A súa densidade de poboación no ano 2013 (IGE) era de 93,5 hab./Km², un pouco máis alta que a media española.
En Galicia aínda vive moita xente no campo, aínda que nas últimas décadas vive cada vez máis xente nas cidades por mor da emigración. Hoxe en día, arredor dos 2/3 da poboación vive en municipios de máis de 10.000 habitantes e traballa principalmente no sector servizos ou nas industrias.
A xente que vive no campo faino faino sobre todo en aldeas ou pequenas vilas, adicándose máis ben á gandaría e agricultura.
Nas zonas de costa vive a meirande parte da poboación e é onde están as cidades máis poboadas de Galicia: Vigo, A Coruña, Ferrol e Pontevedra. A zona interior está pouco poboada, aínda que salientan cidades como Santiago, Lugo ou Ourense. As zonas de montaña das serras orientais e sudorientais son as menos poboadas.

Vigo é a cidade máis poboada de Galicia.


DENSIDADE DE POBOACIÓN
A densidade de poboación indícanos cantos habitantes viven por término medio nun quilómetro cadrado de superficie.
Para calcular este número, temos que dividir o número de habitantes dunha zona determinada pola súa superficie expresada en Km². Así, en Galicia, teremos que dividir 2.720.467 habitantes (IGE ano 2012) entre 29.574 Km², o que nos daría unha densidade de poboación de casi 92 hab./Km². Podemos facer o mesmo para calcular a densidade de poboación dunha provincia ou dun concello, por exemplo.
Galicia presenta notables diferenzas de densidade entre as zonas costeiras e as de interior. Observade no mapa adxunto que as densidades máis altas aparecen nas zonas de costa, principalmente nas zonas de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol, mentres que as densidades máis baixas danse nas zonas máis ó leste; sobre todo nas serras orientais e sudorientais, onde as condicións climáticas e orográficas son máis rigorosas.


CARACTERÍSTICAS DA POBOACIÓN GALEGA
En cada zona xeográfica cada certo tempo nace e morre xente. Cando morre máis xente da que nace, a poboación diminúe, e cando nace máis xente da que morre a poboación aumenta. A poboación tamén pode aumentar ou diminuír cando a xente chega ou marcha dun sitio. Cando chega xente de fóra para quedarse a vivir chamámolle inmigrantes e cando marcha xente a vivir a outro sitio chámanselle emigrantes.
Nos últimos tempos, a poboación de Galicia a penas medrou, manténdose máis ou menos estable dende principios dos anos 80. As causas deste débil crecemento en Galicia foron:

- A grande emigración galega nos dous primeiros terzos do século XX deixou unha poboación avellentada e cunha taxa de natalidade moi baixa.

- Houbo moitos anos de crecemento negativo; é dicir, morreron máis persoas das que naceron.

Sectores de actividade en Galicia.


Actualmente a poboación experimenta un leve crecemento debido a que a partires dos anos 90 comezaron a vir máis inmigrantes do estranxeiro que ademais teñen fillos aquí en Galicia; incrementando a taxa de natalidade.

Segundo o tipo de actividade laboral a poboación divídese en dous grandes grupos:

» Activa
. Cando fai un traballo e cobra polo mesmo. Dentro deste grupo atopamos a xente que está traballando (poboación ocupada) ou a que busca traballo (poboación en paro) en calquera dos sectores económicos que veremos a continuación.

» Non activa
. Cando non pode traballar (nenos, xubilados, discapacitados...) ou non cobra polo seu traballo (traballa na casa, estudantes...).

En Galicia algo máis da metade da poboación é non activa e algo menos da metade é activa.

Poboación activa: traballa e cobra un salario.


PIRÁMIDES DE POBOACIÓN

Unha pirámide de poboación é un gráfico que representa as persoas que hai nun lugar segundo a súa idade e o seu sexo nun momento determinado.

No eixo vertical represéntanse os grupos de idade; polo xeral en tramos de 5 en 5 anos.
No eixo horizontal e partindo do centro da pirámide cara á esquerda e cara á dereita represéntanse o número de homes e de mulleres. Este número pode ser en cifras absolutas (milleiros, millóns...) ou en porcentaxes sobre a poboación total (%) tal e como se ve no gráfico adxunto. O ano e máis o lugar indícanse no título.

Observando a pirámide do gráfico podemos percibir, por exemplo, que hai moitas máis mulleres maiores de 85 anos que homes, que máis ou menos hai o mesmo número de nenas que de nenos de cero a nove anos, que a franxa de idade onde hai maior número de homes e mulleres é de 25 a 29 anos, etc.

Pirámide de poboación de Galicia en 2009.