2.3 Deseño de maquetas de máquinas e mecanismos de transmisión e transformación de movementos
Unha maqueta é a reprodución física a escala, en tres dimensións e, polo xeral, en tamaño reducido, de algo real ou ficticio.
O deseño de maquetas para a súa posterior construción esixe definir varios parámetros: obxecto para construír e a súa finalidade; materiais de construción e ferramentas utilizadas; deseño da maqueta e, finalmente, construción.
- Definición do obxecto. Cómpre inicialmente definirmos o tipo de obxecto que imos construír e con que finalidade. Nesta unidade construiríanse mecanismos simples, como poleas ou engrenaxes, que puidesen funcionar e que servisen de complemento ao desenvolvemento teórico da unidade.
- Materiais e ferramentas.
– Para o deseño do obxecto necesítase, dependendo do grao de precisión que se busque: papel cuadriculado ou milimetrado, material de debuxo (compás, lapis, etc.) e instrumentos de medida (regra, transportador, etc.) ou de precisión (calibre, micrómetro, etc.).
– Para a construción empréganse materiais e ferramentas de doada adquisición e fácil manexo, por exemplo, cartolina, cartón ou contrachapado como materiais, e cravos, cola ou serra de marquetaría como ferramentas.
- Deseño: antes de empezar a construír débese de especificar claramente como vai ser o obxecto producido. Isto implica realizar un debuxo técnico normalizado do obxecto. Normalizado significa isto:
– O debuxo farase mediante algún dos sistemas de representación: sistema diédrico, baseado en proxeccións perpendiculares aos planos dun diedro ortogonal; perspectiva cabaleira, na que se mantén un plano de proxección do diédrico e se xira o eixe perpendicular a el para obter as profundidades; perspectiva isométrica, na que os eixes se proxectan de tal xeito que formen entre si o mesmo ángulo (120º) e se modifican todas as liñas consonte isto.
– Empregarase un conxunto de normas e de signos estandarizado para debuxar e pór as medidas do obxecto (cotas).
– Especificarase a escala utilizada. Escala é a proporción establecida entre o tamaño real do obxecto e o tamaño debuxado. Depende das medidas do obxecto representado e do papel, e do grao de detalle que deba ter o debuxo.
- Construción: procurarase respectar ao máximo o deseño da maqueta, coidando a precisión e o acabamento das pezas. Débese traballar nun ambiente axeitado e tomando as precaucións debidas ao uso de ferramentas (tomas de corrente, ferramentas cortantes, etc.). Terase en conta se, polo uso, as pezas deben de ser repostas por outras.
Actividade práctica
Construír engrenaxes.
|
Pódense atopar instrucións de construción de mecanismos simples en libros de texto de Tecnoloxía de 2º de ESO e en internet. A modo de exemplo proponse o seguinte:
|