Saltar navegación

2.1.3 Terceira lei da dinámica de Newton: lei da interacción

Newton descubriu que os corpos se fan forza mutuamente uns aos outros. Non pode ocorrer nunca que un corpo lle faga forza a outro sen que este, simultaneamente, lle estea a facer forza ao primeiro. Esta é a lei da interacción.

Daquela, as forzas sempre van por parellas. As dúas forzas teñen o mesmo módulo, igual dirección, sentidos contrarios e cada unha está aplicada nun corpo, non as dúas no mesmo.

Exemplos

Un ferro e un imán

  • O imán atrae unha peza de ferro, verdade? Pois non é así: o ferro e o imán atráense mutuamente (así que non é “mérito” só do imán!) E fai a mesma forza o imán que o ferro
  • A forza que exerce o imán está aplicada na bóla de ferro e a forza que fai o ferro está aplicada no imán; as dúas forzas teñen o mesmo valor numérico, a mesma dirección e sentidos contrarios. Unha das forzas move o imán e outra move a bóla: aínda que son iguais e opostas, a súa suma non dá cero, porque están aplicadas en corpos distintos.
 

Dúas bólas de billar ao bateren

  • Unha bóla faille forza a outra, empurrándoa, e a segunda bóla faille unha forza igual e contraria á primeira.
  • Na figura, o vector azul é a forza que a bóla azul lle fai á vermella, e o vector vermello é a forza que a bóla vermella lle está a facer á bola azul.
  • As dúas forzas son iguais e opostas, pero tampouco se anulan.
 

Un avión a reacción

  • O avión avanza cara a adiante expulsando gases cara a atrás. O motor do avión fai forza sobre os gases empurrándoos cara a atrás, e os gases fan unha forza igual contra o motor cara a adiante.
  • O mesmo ocorre cando unha lura ou un polbo botan auga cara a atrás: eles móvense cara a adiante rapidamente.
  • As hélices dos barcos o que fan é empurrar a auga cara a atrás: a auga empurra ao barco cara a adiante cunha forza igual de grande coa que a hélice empurrou a auga cara a atrás.

Un libro enriba dunha mesa

  • O libro empurra a mesa cara a abaixo (vector rosa), e a mesa empurra o libro cara a arriba (vector gris).
  • As dúas forzas son iguais e opostas, pero unha está aplicada no libro e a outra está aplicada na mesa.
  • Son as forzas normais, que xa estudamos con anterioridade.
 

 

Actividades propostas

S4. Un coche que se move rapidamente bate contra un muro. Faga un debuxo en que se vexan as forzas de interacción entre o coche e o muro.

S5. Dúas cargas eléctricas de +2 C e +5 C están separadas un metro. Calcule e debuxe as forzas que se exercen unha a outra (use a lei de Coulomb da unidade anterior). Teñen o mesmo valor as dúas forzas? Cumpren a terceira lei de Newton da dinámica?

S6. Dúas persoas en patíns están de pé na pista de xeo, unha fronte á outra, en repouso. Xuntan as palmas das mans de xeito que se empurran mutuamente. Debuxe as forzas de interacción. Como se moverán? E se unha persoa ten máis kg que a outra?

 imaxe

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0