2.4 Extensión do modelo cinético aos líquidos e os sólidos
Algúns feitos que lles ocorren aos líquidos lembran o comportamento dos gases. Se deixamos un terrón de azucre no fondo dun vaso con auga, e non a remexemos nada, pasado un tempo toda a auga estará adozada por igual. A difusión do azucre pola auga lembra o movemento das partículas dos gases. Isto levou os científicos a aplicar o modelo cinético aos líquidos e sólidos, engadindo unha nova hipótese ao modelo. É a seguinte:
“Entre as partículas hai forzas de atracción que tenden a xuntalas. Estas forzas diminúen rapidamente coa distancia entre as partículas, de xeito que só son apreciables cando están bastante próximas”.
As forzas son de atracción se as partículas están moi próximas entre si, e desaparecen en canto se afastan un pouco. Pola contra, aparecen forzas repulsivas cando se achegan demasiado unha á outra. Observa o esquema seguinte:
|
|
|
|
| As partículas están moi lonxe. Non notan forza entre elas | As partículas están próximas. Atráense | As partículas están demasiado próximas. Repélense |
Como están colocadas as partículas nos sólidos e nos líquidos?

De acordo con la teoría cinético-molecular toda a materia está formada por partículas en continuo movemento, entre as que no hai nada, só espazo baleiro. Pero, como unha mesma substancia pode presentar aspectos tan distintos cando se atopa en estado sólido, líquido ou gasoso? Se as partículas son iguais a única explicación é que en cada estado as partículas se dispoñen de xeito diferente: as partículas dos sólidos atópanse moi próximas, e as forzas de atracción entre elas son moi intensas. O seu único movemento é o de vibración. As partículas dos líquidos vibran e forman conglomerados que se desprazan uns respecto a outros. As partículas dos gases atópanse moi separadas entre si, e móvense a grandes velocidades, practicamente libres de forzas de atracción.
|
|
|
|
| As partículas nos sólidos están moi próximas, ben ordenadas e fortemente atraídas entre si. Vibran dun lado a outro continuamente pero mantendo sempre a mesma posición na rede cristalina | Nos líquidos as partículas están próximas, pero non tanto como nos sólidos nin tan ordenadas; atráense con menos forza. Poden esvarar e moverse arredor das veciñas (poden fluír), non tendo unha forma fixa | Nos gases as partículas móvense libremente en todas as direccións. |
Actividades propostas
S4. Utilice o modelo cinético dos líquidos para explicar como o terrón de azucre acaba adozando a auga dun vaso sen remexela.
S5. Se o mesmo terrón o botamos en auga quente, o azucre espállase pola auga en menos tempo. Por que?
S6. Nunha habitación pechada, co aire en repouso, o fume dun cigarro acaba ocupando toda a habitación. Explique este feito a partir do modelo cinético da materia.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0




