Saltar navegación

2.8 Reaccións químicas e o noso contorno

As reaccións químicas, tanto as naturais como as provocadas polas persoas, teñen moitas repercusións ambientais. Non imos estudalas con profundidade; citamos unhas cantas para que procure información polo menos sobre algunha delas en enciclopedias, libros de texto, xornais, revistas ou internet:

  • Emisión de gases nas combustións de vehículos, calefaccións, industrias, centrais eléctricas térmicas, incendios forestais, etc.
  • Efecto invernadoiro.
  • Chuvia ácida.
  • Destrución da capa de ozono.
  • Fertilizantes e fitosanitarios; contaminación dos solos e eutrofizacións das augas.

Por outra banda, a importancia das reaccións químicas na economía mundial e na nosa vida cotiá é enorme. A elaboración de combustibles, medicamentos, fibras téxtiles, plásticos, papel, vidro, pinturas, anticonxelantes, fertilizantes, etc., require reaccións químicas. Saber facelo con prudencia respectando o planeta Terra é responsabilidade nosa.

Un gas mortal: o monóxido de carbono

Na combustión de carbón, gasolinas, gas butano... prodúcese dióxido de carbono, CO2. Iso é o que pon nos libros e din os profesores. Pero non é toda a verdade! Para que todo o carbono do combustible se transforme en CO2 ten que haber unha rápida e abundante achega de osíxeno, e iso non sempre é así. Se a combustión é moi veloz o osíxeno do aire non ten tempo de chegar á zona do lume, e a combustión é incompleta: quedan restos de carbono sen queimar (o negro do fume, a feluxe), restos de hidrocarburos sen queimar e, o peor de todo, prodúcese monóxido de carbono, CO.

O monóxido de carbono é incoloro e non cheira, así que non o notamos. Pero é tóxico para nós, e aí está o perigo, que nos intoxicamos sen decatarnos de cal é a causa.

A toxicidade do monóxido de carbono débese a que ocupa o lugar do osíxeno (O2) na molécula de hemoglobina. Esta molécula é a encargada de coller o osíxeno nos pulmóns e levalo ás células do noso corpo; nas células recolle o CO2 producido nelas e lévao de volta aos pulmóns, onde o expiramos ao aire. Pero se respiramos monóxido de carbono esta molécula enlázase fortemente coa hemoglobina e xa non se desprende dela, incapacitándoa para transportar osíxeno. Así que aínda que respiremos ben e o osíxeno entre nos pulmóns, non chega ás células: morremos asfixiados.

Todos os anos aparecen nos xornais noticias de mortos por inhalación de monóxido. Cando nos intoxicamos con monóxido de carbono aparecen síntomas algo semellantes a unha gripe, pero normalmente non lle damos importancia, sentímonos mal simplemente. Pero tamén se produce fatiga e sono; se non nos decatamos do que realmente está a ocorrer e nos deixamos durmir, morremos asfixiados durante o sono. Non espertamos nunca máis.

As combustións incompletas adoitan ocorrer en quentadores de auga a gas que teñen a entrada de aire obturadas ou mal regulada. As estufas de carbón e de gas en lugares pouco ventilados causan mortes todos os anos. Os cigarros, as grellas e os incendios forestais son outras fontes de monóxido de carbono.

 lume azul  lume amarelo feluxe 

Un lume azul indica boa combustión

Un lume amarelo indica mala combustión, o lume quenta menos

A feluxe (negro do fume) prodúcese cando o combustible queima mal

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0