2.3 Ecuacións químicas: axuste
A ecuación química é a representación simbólica da reacción química. Na esquerda póñense as fórmulas dos reactivos e na dereita as dos produtos; por exemplo:
NH3 (g) + O2 (g) → H2O (l) + NO2 (g)
Entre parénteses ponse o estado físico da substancia: (g) = gas; (l) = líquido; (s) = sólido; (aq) = disolvido en auga; (↓) = precipitado sólido insoluble que se vai ao fondo do recipiente.
Axuste dunha ecuación química
A ecuación química ten que reflectir que na reacción que representa non se crea nin desaparece ningún átomo; ten que haber os mesmos átomos de cada elemento nos reactivos e nos produtos. Por isto temos que axustar as ecuacións químicas. Como se fai? Vemos un exemplo. A ecuación anterior,
NH3 (g) + O2 (g) → H2O (l) + NO2 (g)
non está ben escrita, non está axustada. Observamos que nos reactivos hai tres átomos de hidróxeno (H) e nos produtos hai dous, e que nos reactivos hai dous átomos de osíxeno (O) e nos produtos tres, e non pode ser así!
Para axustarmos a ecuación e que corresponda coa realidade do que ocorre, temos que determinar cantas moléculas de cada substancia realmente reaccionan. Pódese facer por aproximación (ás veces non é doado) ata igualar o número de átomos nos dous membros da ecuación. No caso da ecuación anterior sería:
4 NH3 (g) + 7 O2 (g) → 6 H2O (l) + 4 NO2 (g)
Os números que pomos diante das fórmulas de cada substancia chámanse coeficientes estequiométricos, e indican o número de moléculas que reaccionan. Comprobamos que está ben axustada:
-
Reactivos
Produtos
-
Átomos de nitróxeno N
4x1 = 4
4x1 = 4
-
Átomos de hidróxeno H
4x3 = 12
6x2 = 12
-
Átomos de osíxeno O
7x2 = 14
6x1 + 4x2 = 14
-
Xa que logo, na reacción anterior, catro moléculas de amoníaco (NH3) reaccionan con sete moléculas de O2 para producir seis moléculas de auga H2O e catro de NO2.
- Observacións prácticas
– No axuste non se poden cambiar os subíndices das fórmulas; non se pode facer, por exemplo, cambiar H2O por H3O xa que entón non sería auga!
– Empece axustando os elementos que aparezan no menor número de moléculas. Por exemplo, na reacción anterior non empece axustando o osíxeno, xa que está presente en tres moléculas diferentes, entanto que o N e o H están só en dúas.
Despraza o cursor para equilibras as reaccións
Compartida por amelende - LicenciaCC-BY-SA, GeoGebra Terms of Use
Actividades propostas
S5. Comprobe se as seguintes reaccións químicas están ben axustadas:
- 6 HBr + 2 Al → 2 AlBr3 + 3 H2
- 2 C3H8O + 9 O2 → 6 CO2 + 8 H2O
S6. Axuste as ecuacións químicas:
- NH3 (g) + FeO (s) → Fe (s) + N2 (g) + H2O (l)
- KClO3 (s) → KCl (s) + O2 (g)
- N2 (g) + H2 (g) → NH3 (g)
- ZnS (s) + O2 (g) → ZnO (s) + SO2 (g)
S7. Que significan os subíndices nunha fórmula química? E os coeficientes estequiométricos? Pódense cambiar os subíndices cando axustamos unha ecuación química?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0