2.2 Conservación da masa nunha reacción química. Lei de Lavoisier
Sabemos que nunha reacción química os átomos que hai nas moléculas dos reactivos son os mesmos que hai nas moléculas dos produtos pero enlazados de xeito diferente. E como son os mesmos, teñen a mesma masa antes que despois da reacción. Dito doutro xeito, a masa dos reactivos ten que ser igual á masa dos produtos. Esta conservación da masa nas reaccións químicas descubriuna o químico francés Lavoisier (1743-1794, guillotinado), cando non se coñecía con certeza a existencia do átomo.
Ás veces parece que nas reaccións químicas non se conserva a masa. Por exemplo, se pesamos un papel antes e despois de queimalo, non pesa o mesmo. Cal é a explicación? Ocorre que a reacción química que se produce na combustión do papel é esta:
papel + O2 (gas) → CO2 (gas) + H2O (gas) + cinzas
Se queimamos o papel nun frasco pechado e non deixamos escapar o dióxido de carbono CO2 e a auga (gases) producidos, daquela habemos comprobar que os gramos antes e despois da combustión son os mesmos:
-

En resumo, a conservación da masa nunha reacción química é consecuencia da "conservación" dos átomos na reacción química.
Actividade resolta
Cando unha peza de 20 g de ferro se oxida, acaba pesando 28,6 g. Está este feito en contra da lei de Lavoisier? Explíqueo.
-
Solución
O ferro xúntase cos átomos de osíxeno producindo óxido de ferro, FeO. Daquela a peza de ferro logo de oxidar tamén ten átomos de osíxeno e por tanto pesa máis, por iso ten máis gramos.
Actividade proposta
S4. Ao quentarmos 10 g de cobre fórmanse 12.52 g de óxido de cobre. Cantos gramos de osíxeno reaccionaron co cobre? Reacción: cobre + osíxeno → óxido de cobre.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0