Saltar navegación

1.1 Descrición da unidade didáctica

A vida sería imposible se os átomos e as moléculas non reaccionasen entre si producindo novas substancias. A clorofila das plantas capta a luz do sol; esta enerxía, xunto co CO2 e o H2O, convértense dentro do vexetal noutras moléculas, como os glícidos, e estas serven de alimento a animais herbívoros e, en última instancia, ás persoas. Todo iso faise mediante reaccións químicas. O noso propio corpo é un enorme laboratorio onde en cada segundo se producen millóns de reaccións químicas que, simplemente, chamamos vida.

Comezamos a unidade didáctica diferenciando os cambios físicos dos cambios químicos. Nunha reacción química algúns enlaces rómpense nas moléculas iniciais (reactivos) para deseguido unirse os átomos separados formando enlaces diferentes e dando lugar así a substancias distintas das iniciais (os produtos).

Veremos que nas reaccións químicas os átomos non se modifican. Entón, a masa dos produtos ten que ser a mesma que a masa dos reactivos (lei de Lavoisier), e isto obrigaranos a axustar as ecuacións químicas.

Para rematar introduciremos os conceptos de masa atómica e mol, co obxectivo de aprender a resolver cálculos estequiométricos con gramos, moles, moléculas, litros, etc.

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0