2.1.3 Niveis tróficos nos ecosistemas: produtores, consumidores e descompoñedores
Existen tres niveis tróficos ou de alimentación nos que poden actuar os seres vivos: produtores, consumidorese descompoñedores.
-

Niveis tróficos dun ecosistema
Organismos produtores (autótrofos)
Corresponden cos seres vivos con alimentación autótrofa. Denomínanse así pola súa capacidade de producir materia orgánica e son a base da alimentación do resto dos organismos do ecosistema.
Son organismos produtores os vexetais, as algas e as bacterias fotosintéticas, que realizan a fotosíntese almacenando na materia orgánica que fabrican a enerxía luminosa do sol. Tamén son autótrofos as bacterias quimiosintéticas, pero o seu papel como produtores no total da biosfera é pouco importante.
Organismos consumidores (heterótrofos)
Os consumidoresson aqueles organismos con alimentaciónheterótrofa, é dicir, os organismos que obteñen a materia e a enerxía alimentándose doutros seres vivos. Non producen, xa que logo, materia orgánica nova, senón que consomen a que xa existe no ecosistema. Poden ser destes tipos:
- Consumidores primarios. Aliméntanse directamente dos produtores (os herbívoros).
- Consumidores secundarios. Aliméntanse dos consumidores primarios (os carnívoros).
- Consumidores terciarios. O seu alimento son os consumidores secundarios.
A condición de consumidorpode ser diferente, no mesmo ser vivo, dependendo do organismo do que se alimente. Así, unha aguia pode actuar como consumidor secundariocando a súa presa é un coello, xa que este é un consumidor primario, ou pode facelo como consumidor terciario, cando a súa presa é unha serpe, que é un consumidorsecundario.
Organismos descompoñedores
Son os organismos encargados de pechar o ciclo e transformar a materia orgánica en inorgánica. Destacan como organismos descompoñedores algúns fungos e bacterias que descompoñen os cadáveres, excrementos e restos orgánicos doutros seres vivos.
-
Para saber máis: fitoplancto e zooplancto
Denomínase planctoo conxunto deorganismos, nomeadamente microscópicos, que flotan en augas salgadas ou doces.
Tradicionalmente o plancto divídese en:
-
Fitoplancto: no que se inclúen os microorganismos autótrofos que realizan a fotosíntese (a palabra fito en grego significa planta). O fitoplancto está formado por bacterias e algas microscópicas.
-
Zooplancto: formado por microorganismos heterótrofos. (A palabra zoo en grego significa animal). O zooplancto abrangue grupos moi diferentes de seres vivos, como bacterias, protozoos, medusas e especialmente fases larvarias de esponxas, moluscos, crustáceos e vermes mariños.
O fitoplancto ten unha gran importancia biolóxica polos seguintes motivos:
– Nos ecosistemas mariños representa o nivel trófico dos produtores a partir do que se alimenta o resto de seres vivos. Así constitúen a base da cadea trófica mariña, e son o alimento do zooplancto, entre outros.
– Producen o 50 % do osíxeno necesario para a vida terrestre.
– Os primeiros organismos produtores de osíxeno foron un tipo de bacterias que forman parte do fitoplancto (cianobacterias). O consumo de dióxido de carbono e a produción de osíxeno por estas bacterias durante a fotosíntese cambiou a atmosfera primitiva da Terra, rica en dióxido de carbono, por unha similar á actual, máis rica en osíxeno. Durante case 2.000 millóns de anos, ata a aparición das plantas terrestres, a fotosíntese estivo practicamente restrinxida aos mares, e eran os organismos fotosintéticos acuáticos os únicos responsables da produción de osíxeno.
O fitoplancto experimentou nos últimos anos un significativo descenso debido ao aumento da radiación ultravioleta derivada do burato da capa de ozono. Observouse que baixo o burato de ozono da Antártida a produtividade do fitoplancto decreceu entre o 6 % e o 12 %.
Pero o fitoplancto tamén pode ser responsable dalgúns problemas ecolóxicos cando se desenvolve demasiado: nunha situación de exceso de nutrientes e temperatura favorable, estes organismos poden multiplicarse rapidamente. Nesta situación a auga vólvese de cor verdosa, pero rapidamente (de un a dous días, dependendo da temperatura) vólvese de cor marrón, cando o plancto esgota os nutrientes e comeza a morrer. A esa altura, a descomposición máis ou menos rápida dos organismos mortos pode levar ao esgotamento do osíxeno na auga e, como consecuencia, á morte masiva de peixes e outros organismos. Esta situación pode ser natural, pero pode tamén ser debida a unha situación de contaminación causada polo depósito en exceso de nutrientes na auga.
Outro caso de aumento do fitoplancto prexudicial son as chamadas mareas vermellas, nas que a auga do mar se torna de cor marrón-vermella. A causa destas mareas vermellas é o desenvolvemento de algas microscópicas que liberan toxinas na auga. Este fenómeno resulta moi prexudicial para a produción de moluscos (mexillóns, vieiras...), xa que a toxina se acumula nestes e non son actos para o consumo humano.
-
Actividades propostas
S4. Clasifique os seguintes seres vivos no nivel trófico que lles corresponda (produtor, consumidor ou descompoñedor):
S5. Cal é a diferenza fundamental entre organismos produtores e consumidores?
S6. Que papel desenvolven os descompoñedores no ecosistema?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0