2.2.3 Obtención de enerxía polos seres vivos: a respiración celular
Logo de que os seres vivos capten a materia orgánica, rica en enerxía, necesitan extraer desas moléculas a enerxía para a realización das súas funcións vitais.
Este proceso, que se produce no interior das células, mediante o cal se degrada a materia orgánica para obter enerxía, denominase respiración celular.
A respiración celular pode ser de dous tipos segundo se realice en presenza ou non de osíxeno:
- Respiración anaeróbica: sen a presenza de osíxeno.
- Respiración aeróbica: en presenza de osíxeno.
Respiración anaeróbica: fermentación
Cando se desenvolveu a vida na Terra (hai aproximadamente 3.500 millóns de anos) a atmosfera da Terra carecía de osíxeno. Polo que os primeiros seres vivos obtiñan a enerxía a partir da materia orgánica mediante reaccións químicas sen presenza de osíxeno.
Algúns microorganismos actuais, como as bacterias e os lévedos (fungos microscópicos), son capaces de vivir en ausencia de osíxeno realizando a respiración anaeróbica.
Aínda que algúns microorganismos non só non son capaces de respirar en presenza de osíxeno, senón que ademais este resulta tóxico para eles. Outros son quen de respirar tanto en presenza de osíxeno como sen el.
Un tipo de respiración anaeróbica é a fermentación, que é un proceso respiratorio anaeróbico mediante o cal a materia orgánica se descompón de xeito incompleto orixinando diversas substancias, como alcohois ou ácidos.
Os microorganismos produtores da fermentación son coñecidos dende hai moito tempo pola humanidade, e utilizados para converter o leite en iogur, o mosto da uva en viño, a cebada en cervexa, e os hidratos de carbono dos cereais en dióxido de carbono para facer a masa de panadaría e pastelería máis esponxosa.
Respiración aeróbica
Logo de que na atmosfera aparecera o osíxeno froito da aparición de cianobacterias fotosintéticas, que producían osíxeno a partir do dióxido de carbono, os seres vivos desenvolveron a capacidade de respiración en presenza de osíxeno na chamada respiración aeróbica.
Produciuse a selección dos organismos que eran capaces de realizar a respiración aeróbica, xa que produce máis enerxía que a anaeróbica; por iso a maioría dos seres vivos actuais (salvo algúns lévedos e bacterias) desenvolven este tipo de respiración. O proceso da respiración pode resumirse no seguinte cadro:
Como pode verse no proceso da respiración, é o inverso que o da fotosíntese, pero ambos teñen distinta finalidade:
- Fotosíntese: obtención da materia orgánica
- Respiración aeróbica: obtención da enerxía da materia orgánica
-
A respiración e a fotosíntese nas plantas
As plantas realizan, igual que os animais, a respiración tomando O2 e liberando CO2. Pero como polo día fan ademais a fotosíntese (tomando CO2 e liberando O2), que é un proceso cun metabolismo máis alto, o balance global sería favorable á fotosíntese:
-
Durante o día:
-
Respiración (menor metabolismo): toman O2 e liberan CO2
-
Fotosíntese (maior metabolismo) toman CO2 e liberan O2
-
-
Durante a noite:
-
Respiración (menor metabolismo): toman O2 e liberan CO2
-
Balance global:
Toma CO2 e libera O2
É, xa que logo, un erro pensar que as plantas só respiran á noite
-
-

As plantas polo día realizan a fotosíntese e a respiración celular, pero desprenden máis osíxeno que dióxido de carbono
Por Portal Ceibal -Licenza CC : BY-NC-SA
Actividades propostas
S7. Diferencie a respiración aeróbica da anaeróbica, e indique exemplos de ambos procesos.
S8. Que é a fermentación? Indique algúns exemplos de aplicacións.
S9. Cando respiran as plantas? Por que?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0
