2.4.4 A importancia da atmosfera. O impacto da contaminación
A composición e estrutura da atmosfera terrestre permiten o desenvolvemento da vida:
- Contén os gases necesarios para que as plantas realicen a fotosíntese e achega o osíxeno que precisamos para respirar.
- Filtra os raios ultravioleta, grazas á capa de ozono da estratosfera.
- Impide a caída sobre a superficie terrestre da maioría dos meteoritos.
- Regula a temperatura da Terra. De non existir un efecto invernadoiro natural, a Terra estaría conxelada.
- Permite a formación de nubes que leva a auga aos continentes.
A contaminación atmosférica é a presenza na atmosfera de substancias nunha cantidade que provoca un risco para a saúde das persoas e dos ecosistemas. A maior parte da contaminación actual débese ás actividades humanas, sobre todo a queima de combustibles fósiles (petróleo, gas natural e carbón).
O incremento dos gases de efecto invernadoiro. Cambio climático.
O dióxido de carbono, o vapor de auga e outros gases da atmosfera actúan de xeito similar a como fai o vidro dun invernadoiro, deixan pasar as radiacións solares, pero estes gases reflicten e devolven á superficie terrestre as radiacións infravermellas, responsables da calor que o planeta, ao quecer, devolve ao espazo. Isto é extremadamente beneficioso, posto que de non existir este efecto invernadoiro natural, a temperatura media da Terra sería duns -18ºC e non os 15 ºC actuais, que a fan idónea para a vida.
![]() |
|
Os efectos máis patentes do cambio climático son:
|
Non obstante, as actividades humanas desde a Revolución Industrial están a provocar un aumento do dióxido de carbono e outros gases invernadoiro na atmosfera. Nas últimas décadas acelerouse este proceso.
Os principais emisores destes gases son as industrias, medios de transporte, calefaccións ou centrais de produción de electricidade que utilizan como combustibles carbón e petróleo. Paralelamente a este incremento do uso de combustibles fósiles, cortáronse ou incendiáronse amplas superficies de bosques para novas áreas agrícolas e gandeiras, a deforestación, está a incrementar estes gases, xa que as masas forestais absorben parte do dióxido de carbono emitido a atmosfera pola fotosíntese.
Como consecuencia, a maior parte da comunidade científica está de acordo en que nos últimos tempos a temperatura global do noso planeta se está a elevar, provocando diversas alteracións que, en conxunto, reciben o nome de cambio climático.
Principais substancias contaminantes derivadas da actividade humana
- Dióxido de carbono. Este gas, como xa vimos na alínea anterior, incrementa o efecto invernadoiro natural e eleva de xeito alarmante a temperatura media do planeta, o que desencadea un cambio climático con consecuencias imprevisibles.
- Óxidos de xofre e de nitróxeno. Proceden da combustión de carbóns e gasolinas de mala calidade. Cando estes óxidos se combinan co vapor de auga das nubes, as precipitacións orixinadas conteñen ácidos. Isto coñécese como chuvia ácida. Algunhas das súas consecuencias son a morte de vexetais e o plancto, e a deterioración de edificios e monumentos.
- Gases CFC. Son gases que se utilizan como aerosois, refrixerantes, etc. Provocan a destrución da capa de ozono e, como consecuencia, o incremento das radiacións ultravioleta que chegan á superficie terrestre. Os efectos son queimaduras e doenzas graves, como o cancro de pel. Por iso é importante utilizar cremas e lentes protectoras cando se permanece moito tempo exposto ao Sol.
- Partículas sólidas de pequeno tamaño, producidas ao queimar carbón e outros combustibles. As consecuencias son doenzas pulmonares, cando se inhalan de xeito continuado.
Cómpre adoptar medidas a nivel gobernamental e individual para a corrección do impacto sobre a atmosfera. Deste xeito teremos que cambiar moitas das actuacións que dende lonxe veñen sendo daniñas e buscar novas vías de desenvolvemento sostible.
Actividade resolta
Indique medidas que pode realizar os gobernos para diminuír as emisións de gases contaminantes á atmosfera.
|
Solución |
|
Actividades propostas
S14. Indique medidas que pode realizar cada un de nós para diminuír as emisións de gases contaminantes á atmosfera.
S15. A atmosfera terrestre, malia ser moi delgada en comparación coa totalidade da Terra, ten unha serie de características que fan posible a vida. Pode indicalas?
S16. Explique por que está a aumentar a temperatura na superficie da Terra? Como se chama este fenómeno? Cales son as posibles consecuencias?
S17. A gráfica amosa a evolución da cantidade de CO2 na atmosfera desde 1780 ata 2000. Describa a gráfica e indique a que poden deberse os cambios nela:
![]() |
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0

