Saltar navegación

2.1.3 Acceso a recursos compartidos en redes locais e posta a disposición destes

Redes locais

Case sempre no centro, e noutros postos de traballo, utilizaremos unha rede local para compartir información. Vexamos como compartir cartafoles e impresoras, e como procurar a información noutros computadores en rede.

Se queremos ver outro computador da nosa rede, teremos que dar os seguintes pasos, sempre con dobre clic: Os meus sitios na rede > Toda a rede > Nome do equipamento.

Pódese tamén crear un aceso directo a ese equipamento para non ter que repetir o proceso de cada vez. Cando nos atopemos dentro do outro computador, poderemos acceder aos cartafoles que estean compartidos, abrilos e coller o documento que se queira. Se non están compartidos non nos será posible acceder á información.

Para compartir unha impresora débese indicar, e para deixar compartir unha impresora tamén. Abra o menú de Impresoras e fax, dentro de Panel de control, no menú Iniciar.

Creación de cartafoles de documentos para compartir con outros computadores en rede

Cando se traballa en rede, utilizar os documentos doutros computadores é frecuente e útil. Nalgunha das actividades seguintes practicaremos os pasos que cómpre dar para compartir estes documentos. Se quere traballar con documentos doutro computador terá que os colocar nun cartafol compartido que se creará para iso. Co botón dereito do rato, colocado enriba do cartafol, ten un menú despregable para poder facelo.

Actividades resoltas

Xa coa rede en marcha, onde temos que ir para ver os outros computadores da rede?

Solución

Posiblemente teña a icona de Os meus sitios de rede, no seu escritorio. En caso contrario, acudir ao menú Iniciar e facer clic en Os meus sitios de rede; ha ver alí os computadores aos que pode acceder. Faga clic naquel ao que desexe ir, sobre a súa icona.

Arquive un documento que se atope no seu computador, nun cartafol doutro computador

Solución

Localizamos no computador un ficheiro e dámoslle a opción Gardar como no do menú Ficheiro. Podemos conservar o nome ou cambialo, e teremos que buscar o sitio onde queiramos colocalo, despregando o menú que podemos obter nesta ventá. Seguiremos a ruta Os meus sitios de rede para buscar o cartafol axeitado.

 

 

Actividades propostas

S4. Cando se comparte un documento automaticamente compártense todos os documentos e subcartafoles que se atopen dentro do cartafol. Seleccione un cartafol que poida compartir e inicie o proceso para o compartir.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0