Saltar navegación

2.1.2 Almacenaxe, organización e recuperación da información en soportes físicos, locais e extraíbles

Nesta parte aprendermos a gardar a información, a organizala e logo recuperala para a usar de novo. Veremos como se pode traballar con ficheiros, aínda que despois teñamos que aprender a encher eses ficheiros. Así mesmo, poderemos gardar imaxes ou vídeos que fagamos ou que localicemos na rede.

 Tipos de memoria dos computadores

  • Memoria temporal (RAM): memoria inmediata, dura pouco tempo e desaparece a información ao apagar o computador.

  • Memoria permanente: a longo prazo. Podemos reutilizar os datos gardados nela.

Ficheiros

A información almacénase en ficheiros ou documentos. Cando queiramos organizar a nosa información poderemos crear cartafoles e subcartafoles, que se poden almacenar no disco ríxido ou en discos extraíbles ou memorias externas (CD, DVD, USB, etc.).

O nome dun ficheiro está formado por varios elementos: a icona, o nome e a extensión. Nós podemos pórlle o nome; o resto faino o computador. A extensión indica o tipo de ficheiro e o programa con que foi creado, por exemplo:

 

.doc

Documentos de Word

 

 

.exe

Ficheiros executables de programas

 

 

.jpg

Ficheiros de imaxes ou debuxos

 

 

.mp3

Ficheiro de música

 

 

Almacenaxe de información no disco ríxido, nun CD e nunha unidade USB

Para gardar información temos varias posibilidades, no disco ríxido do computador, nun CD ou DVD ou nunha unidade USB, estas últimas memorias extraíbles.

Se temos xa rematado un ficheiro e queremos gardalo para o seu envío ou unha posterior recuperación debemos realizar varios pasos.

Dentro do menú Ficheiro da barra de menú, veremos outro menú ao facer clic nel, que contén diferentes opcións. Veremos a opción Gardar e Gardar como.

Coa opción Gardar, gardaremos o documento tal cal está. Coa opción Gardar como, aparecerá outro menú, que nos permitira elixir o nome, e onde gardalo, despregando a pestana superior onde aparece un triángulo negro.

 

 

 

Actividades resoltas

Vexamos como crear un cartafol

Solución

Para crear un cartafol no escritorio, temos varios camiños, vexamos un:

  • Premer o botón dereito do rato.

  • Elixir a opción Novo. Abonda con situar o apuntador sobre a opción.

  • Elixir a opción Cartafol. Faga clic sobre ela.

  • Escribir un nome para darlle a ese cartafol.

  • A partir de agora pode utilizar este cartafol para gardar as probas e os ficheiros realizados nesta lección.

Cambiemos o nome do cartafol

Solución

  • Situar o apuntador sobre o cadro en que aparece o nome do cartafol.

  • Premer unha vez o botón dereito do rato. O nome aparecerá sombreado en azul.

  • Escribir o novo nome.

  • Premer co botón esquerdo do rato en calquera punto baleiro do escritorio.

Abrir, pechar e gardar ficheiros

Solución

Os ficheiros poden estar en distintos cartafoles, discos ou unidades de almacenaxe. Supoñamos o noso ficheiro nun CD, que introduciremos no lector.

  • Dobre clic no cartafol O meu computador situado no escritorio (se non está, acudimos ao menú Iniciar).

  • Clic na unidade D.

  • Clic no ficheiro buscado, que se abrirá co programa co que estea feito.

  • Ver o ficheiro e moverse por el, empregando a barra de desprazamento situada á dereita.

Para pechar o ficheiro, prememos co botón dereito no botón cunha cruz no ángulo superior dereito da ventá. Ou abrindo o menú Ficheiro, no ángulo superior esquerdo da ventá, e premendo a opción Pechar.

Podemos gardar o ficheiro, premendo co botón dereito en Ficheiro, elixindo Gardar como e, cando se abra un cadro de diálogo, na opción Gardar en, seleccionaremos o cartafol onde queiramos gardalo.

 

 Actividades propostas

S2. Busque un ficheiro no disco ríxido do seu computador e colóqueo no seu escritorio. Insira un CD con información para poder acceder a ela. Busque nel un ficheiro e colóqueo no seu escritorio. Insira unha unidadeUSB con información para poder acceder a ela. Busque nela un ficheiro e colóqueo no seu escritorio.

S3. Cree un cartafol co seu nome (botón dereito do rato, estando no escritorio). Coloque nese cartafol os ficheiros que acaba de pór no seu escritorio.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0