2.1.3 Por que uns poucos usurparon os dereitos dunha maioría
Cando lemos sobre historia vemos que o que se nos relata son loitas, conquistas, elevación dunhas civilizacións a costa da destrución doutras e personaxes que alcanzan o poder co único instrumento da violencia. Pero da maioría, que ao longo da historia viviu nunha situación de moito sufrimento, dásenos pouca información.
![]() |
Tebas, a das Sete Portas, quen a construíu? Nos libros figuran os nomes dos reis. Arrastraron os reis os grandes bloques de pedra? (...) A noite en que se rematou a Muralla chinesa, a onde foron os albaneis? Roma a Grande está chea de arcos de triunfo. Quen os levantou? (...) O mozo Alexandre conquistou a India, ¿el só? (...) Filipe II chorou ao afundirse a súa flota, non chorou ninguén máis? (...) Unha vitoria en cada páxina. Quen cociñaba os banquetes da vitoria? Un gran home cada dez anos. Quen pagaba os seus gastos? Unha pregunta para cada historia. |
|
|
Brecht, Bertolt: Preguntas dun obreiro diante dun libro |
||
Así, a historia convértese nun relato das sociedades humanas nas que os elementos fundamentais son as relacións de dominio e a procura do poder. A ansia de poder é unha constante na historia da humanidade. Desde o punto de vista actual, consideramos que todas as persoas son iguais e que a todas deben afectar por igual os dereitos humanos. Pero como a variedade de persoas é case infinita en relación coa intelixencia, as capacidades, as habilidades, a fortaleza física, a bioloxía, etc., apareceron diferentes niveis de poder. Por outra banda, ao haber grupos máis débiles que non se poden defender (nenos, anciáns, enfermos, eivados, etc.), as sociedades humanas viñeron a organizarse en dous grupos:
-
Os que exercen o poder, que se apropiaron en exclusiva dos dereitos humanos.
-
Os desposuídos e dominados, excluídos do exercicio dos seus lexítimos dereitos.
Logo a historia da humanidade resúmese nun drama no que os dereitos dos débiles foron e son esmagados polos fortes. Pero, pouco a pouco, fóronse asentando unhas ideas:
-
Os dereitos humanos eran dereitos de todos.
-
Os Estados nunca os ían conceder pola súa iniciativa.
-
Os dereitos humanos posúense independentemente da organización social e política.
Por isto, non hai moito tempo xurdiron persoas que se ergueron contra esta inxustiza, achegándose aos que sofren, escribindo teorías ou leis para intentar remediar esta infamia.
Actividades propostas
S7. Explique o proceso polo que uns poucos chegaron a dominar a maioría. Para cambiar a situación, que ideas básicas se foron asentando nas sociedades?
S8. Que realidade denuncia Bertolt Brecht neste poema?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
