Saltar navegación

2.1.5 Evolución económica e sociopolítica do bloque occidental (1945 - 1991)

O fortalecemento da democracia

En Europa occidental, a derrota do nazismo significou o triunfo do sistema democrático, incluíndo Alemaña e Italia. Foron unha excepción Portugal e España, ata mediados dos 70, e Grecia entre 1967 e 1974. As características básicas do sistema democrático son:

  • Un poder executivo exercido por un goberno que ten que render contas ao poder lexislativo (Parlamento) elixido polos cidadáns por sufraxio universal entre varios partidos políticos que se presentan ás eleccións.

  • Aplicación e defensa dos dereitos individuais e colectivos contidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948.

A evolución económica

  • Papel dos EEUU. Ao remate da II Guerra Mundial existe un gran contraste económico entre a Europa arruinada e endebedada e a fortaleza dos EEUU, que medraran durante o conflito un 15 % anual, alcanzando unha produción superior á metade da mundial. Nesta situación a recuperación de Europa dependía da política económica dos EEUU, que decidiron intervir, pois unha Europa desenvolvida garantiría o seu crecemento económico e o seu liderado mundial. A partir de 1947 produciuse en Europa un espectacular crecemento económico ata a crise do ano 1973 debido aos seguintes factores:

    • Plan Marshall: que inxectou nas economías de Europa occidental 20.000 millóns de dólares en forma de alimentos, materias primas e créditos, de xeito que en 1952 a produción xa acadara os niveis anteriores á guerra.

    • Banco Mundial: que facilita créditos a longo prazo aos novos países en vías de desenvolvemento.

    • Fondo Monetario Internacional: que ten como obxectivos conceder créditos aos Estados e garantir un comercio internacional sen atrancos.

    • Aplicación das teorías de Keynes: intervención do Estado nos sectores económicos básicos, dirixindo a economía para corrixir os desequilibrios que orixina o libre mercado e aplicando a política social do Estado do Benestar.

    • Terceira revolución industrial: caracterizada por un gran avance tecnolóxico en sectores novos como a enerxía nuclear, a medicina, a investigación espacial, a electrónica, a informática e as telecomunicacións.

    • Inicio da globalización da economía: coa consolidación das grandes multinacionais.

  • A crise de 1973. Como xa se tratou, a cuarta guerra de Oriente Próximo tivo como consecuencia a suba do prezo do petróleo en 1973, desencadeando unha forte crise económica concretada en:

    • Un forte déficit nas balanzas de pagamentos.

    • Un incremento dos custos de produción polo encarecemento do prezo da enerxía, o que provocou unha forte suba dos prezos (alta inflación), descenso do PIB, quebras de empresas e un aumento do paro.

  • A recuperación económica. Na década de 1980, coa chegada ao poder de políticos conservadores nos principais países industriais (Reagan nos EEUU, Margaret Thatcher no Reino Unido, etc.), abandónase a práctica económica proposta por Keynes e adóptase a ideoloxía económica neoliberal, vixente ata a actualidade, e caracterizada por:

    • Non intervención do Estado na economía.

    • Diminución do gasto público (os investimentos que fai o Estado).

    • Privatización das empresas propiedade do Estado.

    • Estancamento dos salarios.

    • Redución ou supresión dos servizos sociais públicos (educación, sanidade, pensións de xubilación, subsidios de paro…), que se lles pasan ás empresas privadas.

 MT e RR

Os gobernos actuais están eliminando os servizos públicos por unha razón moi simple: a acumulación de capital esixe que todo se transforme en mercadoría, porque sobre as mercancías pódense obter beneficios, e os beneficios serven para a acumulación. Só a educación no mundo significa 2.000 billóns de dólares: é unha fonte extraordinaria de posibilidades de beneficio.

Margaret Tatcher (RU) e Ronald Reagan (EEUU)

Houtart, François. Director do Centro Tricontinental

A evolución social: o estado do benestar

A decadencia económica e a ruptura social en Europa occidental eran tan grandes logo da guerra que se viu que a iniciativa privada era incapaz de achar solucións: cumpría a participación dun Estado forte que planificase e dirixise o proceso de recuperación económica.

A partir de 1950 os Estados Unidos, Xapón e a Europa occidental viviron unha etapa de crecemento e prosperidade, caracterizada pola mellora do nivel de vida dos seus habitantes. A suba dos salarios, a incorporación masiva da muller ao mundo do traballo, o incremento da produción e dos servizos e a xeneralización da venda a prazos permitiron o acceso de todos os sectores sociais a unha maior cantidade de bens materiais que melloraron o seu nivel de vida, como o automóbil, o teléfono, a radio, a televisión e os electrodomésticos. Así se consolida a chamada sociedade de consumo, que nacera na década de 1920.

Bienestar

Paralelamente, a intervención do Estado na economía, consonte as teorías de Keynes, garantiu tamén unhas prestacións sociais básicas ás que teñen dereito todas as persoas, como a sanidade, a ensinanza, o salario mínimo, vacacións pagadas, a pensión por xubilación ou o subsidio de desemprego. A este sistema de protección social dáselle o nome de Estado do Benestar, financiado mediante a aplicación dunha política fiscal redistributiva.

  • Problemas internos

    • Protestas xuvenís. Na década dos anos sesenta, en moitos países occidentais producíronse protestas da xente nova, que rexeitaban un sistema baseado na posesión de bens materiais pero que era responsable de inxustizas sociais e de guerras; reivindicaban unha sociedade máis xusta e máis libre de prexuízos. O movemento hippie, que procuraba xeitos de convivencia alternativos á familia, e a protesta estudantil de maio de 1968 en Francia son os exemplos máis coñecidos.

    • Segregación racial. Nos EEUU a poboación negra loitou polos dereitos civís, para acabar coa segregación racial que os marxinaba nas escolas, nos transportes, no traballo e na vida diaria. Martin Luther King foi o principal dirixente deste movemento en favor da igualdade de dereitos da poboación negra. Morreu asasinado.

    • Oposición á guerra de Vietnam. Moitos mozos estadounidenses se manifestaron para poñerlle fin a este conflito, chegando a paralizar a universidade e a enfrontárense violentamente coas forzas da orde.

Actividades propostas

S13. Desde o punto de vista económico, que supuxo a II Guerra Mundial para os EEUU?

    • Que factores favoreceron o desenvolvemento económico de Europa despois de 1945?

S14. Cal foi a principal causa da crise económica de 1973?

    • Que consecuencias provocou?

    • Cales son os trazos básicos da política económica neoliberal?

    • Tire a idea principal do texto de François Houtart.

S15. A que lle chamamos Estado do Benestar?

    • En que teorías económicas se fundamenta?

    • Como se financia?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0