Saltar navegación

2.2.2 A construción dun Estado liberal: o reinado de Isabel II (1833-1868)

Proclamada raíña en 1843, cando contaba trece anos, o seu reinado estivo caracterizado polas axitacións sociais, escándalos na corte e inestabilidade política (enfrontamentos entre moderados e progresistas).

Con tres anos foi nomeada sucesora do seu pai, mais exerceron a rexencia primeiro a súa nai, María Cristina, e logo o xeneral Espartero.

 

 

Os liberais foron os principais apoios da raíña Isabel. Aínda que compartían o enfrontamento contra os carlistas (absolutistas) non formaron nunca un grupo homoxéneo. As principais faccións eran os moderados, partidarios de establecer reformas moderadas para rematar co Antigo Réxime, e os progresistas, que buscaban desmantelalo radicalmente. Ao longo dos máis de trinta anos de réxime isabelino, as divisións entre os liberais foron complicándose e deron lugar a estes partidos políticos:

  • Moderados. Seguidores do sistema francés, da soberanía compartida entre coroa e cortes, e sufraxio censatario. Gobernaron durante a rexencia de María Cristina.
  • Progresistas. Defendían a soberanía nacional e o sufraxio censatario más amplo. Para poderen acceder ao poder, recorreron aos pronunciamentos, por causa da falta de pluralidade política.
  • Partido demócrata. Escisión dos progresistas que defendían o sufraxio universal, a política desamortizadora e a intervención do Estado na instrución pública.
  • Unión Liberal. Moderados e progresistas apoiados por militares como Prim, Serrano ou Topete.

 

Etapas do reinado de Isabel II

O reinado de Isabel II pódese dividir nas seguintes etapas:

  • Década moderada (1844-1854). Foi un réxime autoritario, no que os liberais moderados controlaron o poder, reducindo as liberdades, o dereito a voto e suprimindo a soberanía nacional (que era compartida entre a raíña e as Cortes). Cómpre salientar a nova división provincial do Estado, ou o comezo da rede de ferrocarril cunha rede radial con centro en Madrid.
  • Bienio Progresista (1854-1856). Un novo pronunciamento foi o único xeito de que os progresistas puidesen participar no xogo político. Neste período levouse a cabo unha desamortización, que pretendía nacionalizar as terras eclesiásticas, bens de uso e de propiedade común, para as poxar deseguido e obter beneficios para o Estado.
  • Regreso dos moderados e a Unión liberal (1856-1868). Foi un período marcado pola forte crise económica e o inicio da expansión colonial polo norte de África. O sistema entrou en crise, o que provocaría a caída da raíña.

S18.   Analice as principais características do reinado de Isabel II. Enumere as etapas dese reinado.

S19.   Explique que foron as guerras carlistas. Por que se desenvolveron? Que bandos se enfrontaron? Que ideas defendía cada bando?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0