Saltar navegación

2.3.1 Os reinos xermánicos da Península Ibérica: visigodos e suevos

Os suevos

Este pobo xermánico instalouse pacificamente en Galicia, mesturándose coa poboación autóctona, onde estableceron un reino independente durante 170 anos, con capital en Braga (Portugal), ata que o rei visigodo Leovixildo lle puxo fin en 585. Neste período levouse a cabo a definitiva cristianización de Galicia.

Os visigodos

Foron un dos moitos pobos xermánicos que entraron no Imperio, chegando á península no 415. Antes xa o fixeran os suevos, instalados en Galicia, os vándalos e os alanos. Entre todos remataron co poder romano.

Pouco a pouco, os visigodos someteron os demais pobos da península, unificándoa baixo o seu poder. Estableceron unha monarquía con capital en Toledo unificaron as leis deles mais as dos hispanorromanos (Libro dos Xuíces ou Foro Xulgo) e convertéronse ao catolicismo. O rei contaba co apoio dos Concilios de Toledo, que eran asembleas de bispos, iniciándose así a intervención da Igrexa nos asuntos políticos de Occidente. En 711 penetraron os musulmáns na península e puxeron fin ao reino visigodo.

O creador da grandeza visigoda foi o rei Leovixildo (568-586), pacificando grandes zonas. Mandou executar o seu fillo Hermenexildo por converterse ao catolicismo. Leovixildo decatouse do impopular deste feito e recomendou a Recaredo que se convertera ao catolicismo para salvar a monarquía.

Grimberg, C. Historia universal

  • Economía. Practicábase unha agricultura de subsistencia.

  • Sociedade. Malia seren minoría, controlaban o poder (Estado e exército). Dominaron os hispanorromanos, moitos deles en condición de servos que traballaban as terras.

  • Cultura. Construíron igrexas pequenas co característico arco de ferradura: Santa Comba de Bande (Ourense), San Juan de Baños (Palencia). Traballaron con moito primor a xoiaría, fabricando pezas para ofrecer como votos relixiosos.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0