Saltar navegación

2.1.4 A prehistoria en Galicia e na Península Ibérica

As persoas do Paleolítico

A presenza humana na Península Ibérica vén de moi antigo. Ata agora, os seres humanos máis antigos foron localizados en Atapuerca (Burgos), cunha antigüidade aproximada de 800.000 anos. En Galicia a súa presenza é máis recente, hai uns 250.000 anos, ocupando vales de ríos (desembocadura do Miño), zonas concretas do interior (Toén, en Ourense) e zonas costeiras, onde se especializaron en actividades de marisqueo (cuncheiros: acumulación de cunchas, resultado do marisqueo). A súa tecnoloxía e a súa arte teñen as mesmas expresións que as xa estudadas, e destacan as pinturas rupestres da zona cantábrica (cova de Altamira) e as da zona levantina.

O Neolítico

Chegan as innovacións neolíticas a Galicia polo 5000 a.C., co cultivo do trigo e a domesticación de ovellas, cabras e porcos.

A metalurxia

Desenvólvese a técnica do bronce desde o segundo milenio a.C., traída por buscadores de estaño, abundante en Galicia.

 A arte

A expresión máis característica da arte prehistórica de Galicia son os petróglifos, gravados da época do Bronce, realizados sobre rochas ao aire libre, consistentes en círculos e espirais, unhas veces, e figuras humanas e de animais, noutras. Pénsase que son manifestacións de prácticas máxicas e relixiosas. Son de destacar os de Campo Lameiro.

O desenvolvemento da metalurxia deu orixe a unha salientable produción artística no campo da ourivería, como o Tesouro de Caldas de Reis. Paralelamente desenvolveuse o megalitismo, onde Galicia destaca dentro da Península (dolmen de Domaio).

A cultura castrexa

No remate dos tempos prehistóricos, vivían no Leste e no Sur da Península os iberos, e no resto os celtas; estes últimos entraron na Península a través dos Pireneos, arredor do século VI a.C. Os iberos estaban culturalmente máis avanzados que os celtas debido ao contacto que mantiñan cos colonos gregos, fenicios e cartaxineses.

 

A cultura castrexa constitúese no século VI a.C. Os celtas eran agricultores e gandeiros, utilizaban o ferro e non coñecían a escritura.

Os seus poboados, os castros, son recintos amurallados que arrodean un outeiro, e conteñen as vivendas circulares de paredes de pedra e teito de palla, cortellos e almacéns: Santa Trega (na foto), Viladonga, Baroña, etc.

 

A base económica era a agricultura e a gandaría, apoiadas coa caza e, en zonas costeiras, co marisqueo. A actividade mineira era moi importante: estaño e ferro. Os metais preciosos eran traballados cunha elevada calidade artística: torques, diademas, fibelas, fíbulas, brazais.

Practicaban unha relixión naturalista (adoraban a auga, os montes e os bosques) mesturada co culto a divindades protectoras dos animais.

 

Actividades propostas

S2. Responda ás seguintes cuestións.

    • a) Por que se considera revolucionario o período neolítico? Cando e onde se orixinou?

    • b) Indique dúas consecuencias da aparición de excedentes alimentarios durante o Neolítico.

    • c) Por que as sociedades neolíticas son sedentarias?

    • d) Cite os primeiros metais que se utilizaron. Que melloras se produciron como consecuencia do seu uso?

    • e) Por que se lle chama así á cultura castrexa? De que vivían os seus membros?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0